Ourense

Xácome non volverá convocar a oposición á xunta de portavoces no que resta de mandato

Nun comunicado remitido aos medios, o rexedor considera que os grupos políticos "o que fixeron foi marear a perdiz" sobre as súas propostas para eliminar a ORA e valorar a posíbel entrada de novos accionistas no Club Ourense Baloncesto.
Gonzalo Pérez Xácome fíxose hai un ano co bastón de mando en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome fíxose de novo co bastón de mando en Ourense após os comicios do pasado ano. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome (Democracia Ourensá), anunciou esta terza feira que non volverá convocar a oposición a ningunha xunta de portavoces no que resta de mandato despois de que os grupos políticos non se pronunciasen sobre as propostas que lles trasladou a para eliminar a ORA e valorar a posíbel entrada de novos accionistas no Club Ourense Baloncesto.

Nun comunicado remitido aos medios, o rexedor considera que os grupos políticos "o que fixeron foi marear a perdiz", sen pronunciarse en ningún sentido e apelando a que "necesitan máis informes e facer reunións entre partes", entre outras cuestións. Todo iso, considerou, co obxectivo de "marear a perdiz con escusas interminábeis".

Xácome, que advirte que estas argumentacións "non teñen sentido" tendo en conta que as propostas van a pleno, onde os grupos terán que posicionarse, subliña que no caso do equipo de baloncesto a oposición demanda datos dos accionistas que estarían interesados. "É algo absurdo, porque o que temos que decidir é se estamos dispostos a vender as accións do Concello e ofrecelas no mercado para dar entrada a novos accionistas", sinalou, para asegurar que este asunto, ademais, "non admite moita dilación" tendo en conta que "hai que planificar a próxima tempada".

Neste sentido, explica o rexedor, a falta de pronunciamento político dos grupos municipais deixa "bloqueados" os dous asuntos: tanto a supresión do a ORA como a posíbel entrada de novos accionistas no COB. Ante este escenario, o alcalde comunicoulles aos portavoces que a desta terza feira foi a "última vez" que os convoca. "No que resta de mandato, nunca máis os chamarei, porque o que fan é marear a perdiz, non din nada e bloquean os asuntos", dixo.

A oposición exixe "concreción e transparencia"

Tras a reunión, todos os grupos da oposición no Concello de Ourense coincidiron ao criticar a decisión adoptada por Gonzalo Pérez Xácome. A portavoz do PP local, Sonia Ogando, criticou a "falta de seriedade e rigor" do alcalde. "Volvemos ser convocados mediante unha mensaxe a través de WhatsApp, sen convocatoria oficial e tamén sen acta das dúas reunións mantidas", cuestionou.

Tamén denunciou a "falta absoluta de planificación" e de "información" ao soster que "de ningunha das cuestións expostas polo alcalde presentouse unha proposta obxectiva nin acompañada dun mínimo de documentación ou de datos". "O único que temos claro é que quere suprimir a ORA, e o Partido Popular non se opón a iso, pero exiximos información veraz e clara", indicou.

Nesta liña, os populares entenden que hai cuestións importantes que teñen que estar definidas a priori. Por exemplo, cal é a alternativa de estacionamento para garantir a mobilidade das e dos ourensáns no centro da cidade. O PP, ademais, reitera o seu apoio ao COB e sinala que este asunto foi tratado "na mesma liña que o anterior, cunha falta de concreción total".

Desde o grupo socialista, pola súa parte, demandan ao alcalde "máis responsabilidade" e "concreción" para poder valorar os asuntos que levou á xunta de portavoces. No que atinxe á ORA, a portavoz do PSdeG ourensán, Natalia González, sinalou que a supresión é "competencia do pleno" e que o Goberno local "non ten ningunha alternativa real e concreta sobre o que se vai facer o día despois".

E sobre o futuro do COB e o seu accionariado, as socialistas alegan que o Concello non pode desfacerse da súa participación na entidade "sen máis", nin sen ter "datos ou garantías" sobre os posíbeis investidores dos que fala Xácome. Tamén critican que o rexedor responda "atacando e manifestando que non volverá buscar consensos políticos no que resta de mandato ou que non convocará máis a xunta de portavoces". "A política é consenso, e para facer cidade hai que ter proxecto, non arrebatos", engadiu a edil.

A maiores, o BNG lamentou a falta de "concreción e información" por parte da Alcaldía no referido a estes asuntos, e acusou o rexedor de pretender que os grupos da oposición "voten a cegas" o que propón. O portavoz municipal da formación nacionalista, Luís Seara, incidiu na necesidade de "contar con documentación e informes técnicos" sobre cada unha das propostas.

No relativo á ORA, criticou que Xácome se limite a dicir que "existen visións contraditorias" a respecto do procedemento a levar a cabo para a posíbel supresión do servizo, sen aportar "ningún informe xurídico nin estudo técnico" de como podería afectar isto á mobilidade na cidade.

E a respecto do COB salientou que existe un procedemento xudicial aínda pendente de resolución impulsado polo accionista maioritario, o Grupo Hereda, e que, "ante a falta de información sobre a situación real da entidade" e o posicionamento da Deputación de Ourense, que tamén conta cun 16,5% das accións, considera necesario que se convoque unha reunión de todos os grupos políticos á que asistan todas as partes implicadas, co obxectivo de aclarar as dúbidas que poidan existir.

Comentarios