Menor elixido presidente do PP de Ourense entre loanzas de Feixoo e Rueda a Baltar

O congreso do PP de Ourense escolleu ao presidente da Deputación, Luis Menor, como novo líder do partido na circunscrición en substitución de José Manuel Baltar, cuxa labor foi recoñecida por Alberto Núñez Feixoo e Alfonso Rueda.

20240713_XIX_Congreso_Ourense_1
photo_camera Luis Menor, de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo entrando no plenario do congreso do PP de Ourense. (Foto: PP).

93,7% dos compromisarios presentes no congreso do PP ourensán apoiaron a Luis Menor como presidente do partido. Menor, o único aspirante ao cargo, ocupaba a máxima responsabilidade da formación desde a renuncia de José Manuel Baltar o pasado 26 de outubro.

Luis Menor nas súas primeiras palabras como presidente dos populares ourensáns apostou por dotar ao partido dunha “máis ampla base” e comprometeuse a manter "sempre abertas todas as portas" porque “aquí cabe todo o mundo para colaborar e axudar".

O novo líder do PP ourensán, que se presentou como “unha persoa humilde saída do seu pobo” e “o primeiro compañeiro e o primeiro servidor do partido", marcouse como principal reto as eleccións locais de 2027.

Críticas ao BNG

O feche do conclave do PP de Ourense contou coas intervención de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo. O presidente galego cargou contra o BNG, a quen acusou de defender o “monolingüísmo e o independentismo e ter como obxectivo facer da Galiza unha república comunista".

Rueda asegurou que “a xente confía en nós para que xestionemos e ofrezamos solucións, non para que discutamos entre nós, nin para que inventemos problemas onde non existen ou magnifiquemos os xa existentes. Para todo iso xa están os demais partidos".

Alberto Núñez Feixoo, que situou “Ourense como unha peza chave no partido en toda España”, afirmou que na súa formación "caben os votantes do PP, os miles de decepcionados co PSOE e tamén os que non entenden a deriva dos dirixentes de Vox facéndolle favores ao Goberno máis disparatado"

O presidente do populares españois dirixiuse aos responsábeis de Vox, asegurando que “eles equivocáronse de persoa expondo unha chantaxe, pero nós non nos imos a confundir nin a equivocar nin de adversarios, nin de prioridades nin de obxectivos. Os nosos adversarios seguen sendo a parálise, a decadencia e a deterioración do Goberno" do Estado.

Apoio a Baltar

Rueda e Feixoo tiveron nas súas intervencións palabras de agradecemento e recoñecemento ao labor desenvolvida polo anterior presidente do partido José Manuel Baltar. Nesta dirección, Rueda manifestou que “quero facer un recoñecemento moi especial, porque o merece, para o traballo que fixo José Manuel Baltar durante tantos anos".

Feixoo deulle as “grazas ao senador Baltar”, recoñeceu o seu traballo "por xestionar o partido con acerto" e destacou a súa “enorme xenerosidade para que Ourense siga sendo o principal partido da provincia".

Comentarios