O nacionalismo homenaxea Moncho Reboiras en Ferrol e Imo

As diversas homenaxes a Xosé Ramón "Moncho" Reboiras Noia focalizan hoxe a actividade das organizacións nacionalistas, con Ferrol e Imo en Dodro, como centro.

Camiñada da UPG en Ferrol en homenaxe a Moncho Reboiras (Foto: Nós Diario).
photo_camera Camiñada da UPG en Ferrol en homenaxe a Moncho Reboiras en 2023 (Foto: Nós Diario).

O 12 de agosto de 1975, Xosé Ramón "Moncho" Reboiras Noia foi asasinado pola Policía española en Ferrol. Precisamente, o partido no que militou Reboiras, a Unión do Povo Galego fai da cidade departamental o centro dos actos organizados por esta formación, que arrancarán ás 19 horas diante do portal da rúa da Terra onde foi executado o militante nacionalista, cunha intervención da dirixente da UPG e da CIG Susana Méndez.

Os actos de tributo a Reboiras da UPG terán continuidade ás 19.30 horas cun acto político no Cantón de Ferrol, no cal tomarán a palabra a voceira do BNG en Narón e integrante da Executiva Nacional do BNG, Olaia Ledo; o parlamentario e responsábel da organización xuvenil da Unión da Mocidade Galega (UMG), Iago Suárez, e o secretario xeral dese partido e voceiro do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego.

A UPG organiza nesa xornada dous actos previos en lembranza de Xosé Ramón Reboiras. Un deles desenvolverase ás 12 horas no cemiterio de Imo, no concello de Dodro (comarca de Sar) onde está soterrado o militante nacionalista. O outro realizarase ás 16.30 horas no local da sociedade O Pote de Maniños, en Fene, e consistirá nun debate sobre o marxismo e a cuestión nacional introducido polo dirixente da UPG e do BNG Rubén Cela.

Movemento Arredista

O Movemento Arredista, formación integrada no BNG, desenvolve os actos en lembranza de Reboiras en Imo e Vigo. Así, ás 9 horas realizan unha ofrenda floral no cemiterio da primeira localidade, continuando as 11 horas no barrio vigués de Teis, coa elaboración dun mural dedicado ao militante nacionalista asasinado. A organización dará remate aos seus actos cunha xantar de confraternidade en Vigo, a cidade onde se criou Reboiras e tomou contacto co nacionalismo.

A formación Agora Galiza-Unidade Popular acude hoxe, tamén, ao cemiterio de Imo ás 18 horas para lembrar a Reboiras, a quen define como “un soldado da patria, un combatente comunista”. Ao tempo, o Partido Comunista da República Galega (PCRG) lembrou ao militante nacionalista o sábado 10 de agosto na Praza do Mercado de Teis, o barrio vigués onde residiu Reboiras nos seus anos de formación e decantación ideolóxica.

CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) e a súa fundación, denominada Moncho Reboiras, en homenaxe ao dirixente nacionalista asasinado, promoven unha ofrenda floral ás 10:45 horas no cemiterio de Imo. O sindicato sinala que “Reboiras  destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista”.

O sindicato nacionalista significa que "a contribución de Moncho Reboiras aos primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista foi fundamental. El coordinou a Fronte Obreira da UPG que, en pouco tempo, daría lugar a que agromaran boletíns e organizacións de base en varias cidades. Destes xermolos xurdiría no ano 1975, o Sindicato Obreiro Galego, iniciando ese longo camiño do sindicalismo hoxe representado pola CIG”.

A militancia de Reboiras

Reboiras (Dodro, 1950-Ferrol,1975) foi un dirixente da UPG durante a ditadura franquista que xogou un papel chave no proceso de articulación do nacionalismo galego. Membro do comité central e do comité executivo dese partido, desenvolveu as súas primeiras tarefas políticas no ámbito sindical e cultural, asumindo desde a segunda metade de 1973 a responsabilidade dun operativo especial dentro da UPG destinado a dotar de medios e infraestrutura ao movemento nacionalista.

O 12 de agosto de 1975, Reboiras foi asasinado pola Policía franquista no marco dun operativa contra a UPG e as diversas estruturas do nacionalismo, que rematou con 27 persoas detidas en todo Galiza e 11 fugadas, unha parte importante das cales permaneceron exiliadas en Portugal até mediados de 1976.      

Comentarios