O PSdeG exixe que se garanta a continuidade das axudas aos produtores de Tenreira Galega

Lara Méndez reuniuse en Cervantes (Os Ancares) con produtores para analizar unha iniciativa socialista que solicita á Xunta que estude a posibilidade de incluír esas achegas na PAC.

lara mendez psdeg
photo_camera Lara méndez na xuntaza co sector. (Foto: Nós Diario)

A Portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista no Parlamento galego, Lara Méndez, exíxelle á Xunta da Galiza que garanta a continuidade das axudas á indicación xeográfica protexida Tenreira Galega de cara ao ano 2025 “e incluso máis alá no tempo” e que cumpra os prazos comprometidos para o seu pago.

A deputada rexistrou na Cámara unha proposición non de lei para o seu debate a través da que tamén insta o Goberno galego a estudar a inclusión desas subvencións aos produtores de carne da IXP no paraugas da PAC, cao fin de dotalas de maior estabilidade.

Méndez analizou en días pasados con socios da cooperativa A Carqueixa, no Concello de Cervantes (Os Ancares), esa posibilidade, así como o nivel de apoio da Administración autonómica ao sector.

A parlamentaria socialista criticou que a Consellaría se comprometese a publicar en 2023 as axudas ás explotacións gandeiras pertencentes á indicación xeográfica protexida Tenreira Galega, co obxectivo de que se aboaran dentro do primeiro trimestre deste ano, pero finalmente a publicación no DOG retrasouse a xaneiro, e en canto aos pagos, non comezaron a realizarse até xuño.

Lara Méndez chamou a atención sobre o feito de que este tipo de axudas non só serven para paliar o incremento dos custos de produción, senón que tamén para impulsar a IXP, xa que repercuten no incremento do número de animais que se poden marcar, tal como trasladan dende o sector. Por ese motivo é crucial que a Xunta garanta a continuidade das subvencións máis alá do 2025, insistiu.

Ese compromiso serviría para dotar de máis estabilidade ao sector, dado que impulsaría a rendibilidade das explotacións de vacún de carne extensivo, contribuíndo, ao mesmo tempo, a coidar o medio rural e fixar poboación nel.

Comentarios