O sector da Tenreira Galega Suprema comeza unha folga de 40 días

A Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, entidade que reúne a máis de 500 produtoras e produtoras, decidiu esta terza feira nunha asemblea extraordinaria iniciar estaterza feira unha folga de entrega de animais. Serán en principio 40 días para que se dea visibilidade ao seu problema cuns prezos que, aseguran, "son os mesmos que tiñamos hai 30 anos". 
Protestas en Lugo o ano pasado polos prezos baixos e os altos custos na produción de Tenreira Suprema (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protestas en Lugo o ano pasado polos prezos baixos e os altos custos na produción de Tenreira Suprema (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Desde esta terza feira, e até o 7 de setembro, a Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema anunciou que se paralizará a entrega de calquera tipo de movementos nas súas explotacións que implique becerros e vacas con destino tanto para matadoiro como para vida. Para asegurarse de que se cumpre esta medida de presión, a organización pedirá ás socias e aos socios un histórico de movementos desas datas para acreditar que non realizaron saídas das explotacións. 

O presidente desta entidade, Santiago Rego, explica a Nos Diario que a decisión tomárona “a maioría das gandeiras e gandeiros asistentes” como consecuencia “do prezo que temos en orixe”. Asegura que agora venden o quilo en canal entre 5,70 euros e 5,80 euros cando “hai escaseza de animais”, unha situación que, entende, non vai acorde co mercado. Este gandeiro relata que, ademais, cando é a época de inverno e non hai moita demanda “baixan o prezo entre 0,40 e 0,50 euros por quilo en poucas semanas” para logo, cando chega esa necesidade de consumo como agora “non o aumentan como deberían”.  

“Afogarse” nos custos

Da mesma maneira que acontece con outros sectores, no da tenreira galega suprema os custos de produción aumentaron durante estes anos de maneira desigual en relación ao prezo que reciben pola venda de animais. “Aumentaron os insumos, o combustíbel supera o euro e, aínda que baixaron os cereais as fábricas de penso non o trasladaron ao importe que pagamos as explotacións, uns 300 euros por tonelada”, afirma Santiago Rego. 

Con todo, recoñece que “as axudas que recibimos o ano pasado foron un balón de oxíxeno mais é insuficiente”. Neste sentido explica que “xestionámolas nós mais o beneficio foi para toda a cadea alimentaria”. Por este motivo, Rego considera que as explotacións, como a súa, que se dedican á suprema, "seguimos afogadas e cun prezo de venda que é o mesmo que había hai 30 anos" cando observa que noutros sectores "isto non acontece".

Dar visibilidade

"O que buscamos é que a consumidora e o consumidor saiba que paga un produto a un prezo considerábel nos lineais que non se repercute nos que a producimos", argumenta o presidente da entidade. Por esta razón, alerta que se chega o 7 de setembro -data que puxeron como finalización da protesta- e non hai ningunha reacción pensan "abrir outras vías de presión". 

Rego é crítico co trato que reciben e sinala que están dando valor e imaxe a unha marca "e, sen embargo, non repercute nos que a producimos". Por iso, segue reivindicando "que interveña a Administración galega para que faga de ponte entre produción, industria e distribución" e conseguir acordar "uns prezos mínimos sexa no inverno ou no verán", unha actuación que evitaría "o feche de moitas explotacións".

Comentarios