Lille e Famaliçao, retos de verán para Celta e Dépor

Celestes e branquiazuis volven competir esta terza feira.
Williot e Tasos agardan seguir goleando en Francia e Inglaterra. (Foto: RC Celta).
photo_camera Williot e Tasos agardan seguir goleando en Francia e Inglaterra. (Foto: RC Celta).

Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña iniciaron esta segunda feira senllas xiras internacionais que os manterá afastados dos terreos de xogo da Galiza ao longo de toda esta semana.

No referente á escuadra branquiazul, os xogadores xa levan desde a segunda feira en Portugal, onde permanecen concentrados nunhas instalacións frecuentadas por conxuntos da liga lusa na localidade de Lousada, situada ao leste de Porto, da que a separan algo máis de 40 quilómetros e media hora en autocar.

O preparador herculino, Imanol Idiakez, decidiu viaxar até alí con 27 futbolistas, entre os que non está un David Mella que o pasado domingo completou un percorrido de fantasía no Campionato de Europa Sub-19 ao facerse co título xunto co resto dos seus compañeiros do combinado estatal.

Quen si estarán serán seis rapaces do filial (Pablo García, Kevin Sánchez, Pablo Muñoz, Rubén López, Alberto e Martín Ochoa, sendo este último quen terá máis oportunidades de contar con minutos unha vez comecen as competicións oficiais) e unha serie de homes que están na rampla de saída para abandonar o  club, casos de Iano Simão, Berto Cayarga ou Raúl Alcaina.

Non obstante, todos eles -con excepción do mancado Alcaina- terán minutos para tratar de reivindicarse a ollos de Idiakez, dada a esixencia dun calendario competitivo que inclúe tres partidos en cinco días, sendo o primeiro ás 20.30 horas da terza da Galiza fronte o Famalicão no estadio de Vila Nova, un duelo que afección poderá seguir a través da canle de Youtube do club.

Partidos en Francia e Inglaterra

Con respecto ao Celta, Claudio Giráldez e os seus pupilos xa están en Francia, pero non para asistir como espectadores a algunha proba dos Xogos Olímpicos, non, senón para medir forzas ás 19 horas desta terza feira no Estadio de Hainaut, na cidade de Valenciennes, nin máis nin menos que co cuarto clasificado da última liga francesa, o Lille.

 Iso si, unha vez que conclúa o encontro, Tasos, Borja e o resto de xogadores celestes cruzarán a canle da Mancha para pasar o resto da semana en terras inglesas, onde adestrarán de cara ao choque co Luton Town, unha formación que na 2023/24 militou na Premier League.   

Comentarios