París 2024 | Tríatlon

Polémica en París a menos de 24 horas do tríatlon pola contaminación do Sena: podería adiarse... ou converterse en dúatlon

Os altos niveis de bacterias E.coli e Enterococcus obrigaron a suspender os adestramentos de tríatlon deste domingo e tamén os que estaban previstos para a mañá desta segunda feira.
A contaminación do Sena obrigou a suspender os adestramentos de tríatlon do domingo e a segunda feira. Na imaxe, o estado do río esta mesma mañá. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)
photo_camera A contaminación do Sena obrigou a suspender os adestramentos de tríatlon do domingo e a segunda feira. Na imaxe, o estado do río esta mesma mañá. (Foto: Sven Hoppe / DPA vía Europa Press)

Hai sete anos que París foi a cidade elixida para acoller os Xogos Olímpicos de 2024 e a falta de 24 horas —e 1.400 millóns de euros investidos despois— aínda non se sabe se poderá celebrarse unha das probas estrela, o tríatlon. A proposta de realizar o treito a nado a través do río Sena era quizais demasiado ambiciosa tendo en conta que o baño nestas augas leva un século prohibido pola súa turbidez, mais aínda así a organización decidiu seguir adiante. E nin sequera ver a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, somerxéndose neste río que atravesa a cidade de leste a oeste conseguiu disipar as dúbidas, e após as intensas choivas dos últimos días parecen confirmarse cos peores presaxios: estas augas non son aptas para a competición.

Os altos niveis de bacterias E.coli e Enterococcus obrigaron a suspender os adestramentos de tríatlon deste domingo... e tamén os que estaban previstos para a mañá desta segunda feira. E, de feito, a pasada sexta feira soubemos que as análises bacteriolóxicas tamén desaconsellaban o baño o día no que Hidalgo intentou trasladar unha falsa imaxe de tranquilidade.

Desde a organización seguen a mostrarse relativamente optimistas e confían en que a proba masculina poida decorrer tal e como figura no calendario olímpico, a partir das 8 horas desta terza feira. Mais iso só acontecerá se o estado da auga mellora nas próximas horas. En caso contrario, existen xa un plan 'B' e 'C': o primeiro, adiar a proba —e, en consecuencia, previsibelmente tamén o tríatlon feminino, axendado para esta cuarta feira—; o segundo, unha solución máis radical, que consistiría en cortar unha das patas ao tríatlon cancelando a natación para así convertelo nun dúatlon.

Antonio Serrat, optimista: "Aspiro ao máximo"

Na proba masculina de tríatlon participará o vigués Antonio Serrat, quen esta segunda feira, en rolda de prensa, intentaba manter o optimismo: "Nós levantarémonos mañá [por esta terza feira] para competir, haberá que confiar na organización. Este é o risco do tríatlon, que ao ser en augas abertas é complicado sabelo".

A súa compañeira na categoría feminina, a estremeña Míriam Casillas, engadiu: "Se finalmente é un dúatlon danaría a imaxe dos Xogos, porque é un deporte distinto, pero hai moitas opcións antes de que iso pase". Casillas tamén se referiu á corrente como un dos principais problemas —"ou máis ben característica", matizou— da proba: "Hai algo de incerteza porque o ano pasado a corrente era bastante menor á deste ano, e ao cancelar os adestramentos non puidemos probala e ver como nos pode afectar".

Preguntado polos seus obxectivos, Serrat afirma aspirar "ao máximo", sempre con "respecto", consciente de que é unha proba "do máis alto nivel", pero "sen medo de loitar por estar nos postos de cabeza". E malia non poder entrar en contacto co Sena estes días, dixo: "Teño a tranquilidade de saber que traballei ben nos últimos meses para chegar no mellor momento de forma. A preparación vén de moito tempo atrás".

Comentarios