“É un auténtico escándalo”: BNG e PSdeG reclaman a comparecencia de Rueda para explicar o borrador que reformará a lei da CRTVG

O proxecto para os medios públicos facilita ao PP a escolla do director e abre a porta á entrada do castelán.
O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, no debate da CRTVG desta segunda feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e candidato do PP, Alfonso Rueda, no debate da CRTVG das eleccións do 18-F. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Os grupos da oposición, PSdeG e BNG, reclamaron esta segunda feira a comparecencia parlamentaria do presidente da Xunta e do PP, Alfonso Rueda, para explicar as liñas mestras do borrador que reformará a lei da Corporación de Radio Televisión da Galiza (CRTVG).

O pasado sábado elDiario.es publicou que o borrador do proxecto de lei para gobernar a radio e televisión públicas "deixa en mans do PP" a posibilidade de usar a súa maioría absoluta para nomear ao director xeral, "sen consenso co resto de formacións políticas".

Os grupos da oposición deron sendas roldas de prensa esta segunda feira para mostrar o seu rexeitamento ante uns cambios lexislativos que outorgaría aos populares o "control absoluto" da CRTVG. Os socialistas esixiron a comparecencia de Alfonso Rueda para que aclare se as informacións publicadas "son certas ou non", unha petición de que se poña ante a tribuna do Hórreo á que se sumou o BNG, que cualifica o borrador de "retroceso democrático".

A deputada do PSdeG Silvia Longueira sinalou que se o que aparece reflectido nese borrador é certo, a situación é "dramática", xa que o que busca o Goberno galego é ter o "control absoluto" dos medios de comunicación.

A información tamén alude a que o novo texto legal abriría a porta á emisión de producións en castelán para "buscar maior viralidade en redes". A este respecto, a deputada do PSdeG apuntou que se o castelán fose unha das linguas vehiculares da compañía se "desvirtúa o concepto e o sentido da televisión pública e autonómica".

Así mesmo, a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, lembrou que un dos principios fundacionais da CRTVG é, precisamente, "a promoción e a normalización" da lingua galega.

En canto ao método de elección do director xeral da Corporación, se non se conseguisen en segunda votación os tres quintos do Parlamento e permitíse a elección do candidato con maioría simple, Olalla Rodil xulgouno de "auténtico escándalo" e un "retroceso democrático", que pon de manifesto a "ansia de control político" do PP.

Nesta liña, a viceportavoz dos nacionalistas no Parlamento denunciou que o PP de Alfonso Rueda non ten "nin un só límite" e que con esta reforma pretende chegar "onde non se atreveu ninguén".

Deste modo, o PSdeG denunciou que a situación actual da CRTVG reflicte unha serie de "problemas e deficiencias" que agravan a "necesidade de transparencia e reformas". Nesta liña, Silvia Longueira asegurou que a CRTVG "non cumpre co servizo público" e subliñou que o investimento da corporación descendeu, o que afecta a "a súa capacidade de produción de contidos propios, así como á súa capacidade como repositorio veraz da sociedade galega".

Ante esta situación de "intervención política que sofre a CRTVG desde hai 15 anos", o PSdeG teme que en outubro, a través da lei de acompañamento dos Orzamentos, Rueda trate de "coar pola porta de atrás" unha modificación para poder elixir directamente o director xeral, sen necesidade dunha maioría cualificada do Parlamento da Galiza.

Con todo, o BNG pediu ao PPdeG que "dea marcha atrás" nesta reforma, que non se "atreva a presentar tal despropósito" e que pare este "ataque directo" aos medios públicos de comunicación de Galiza.

Nesta liña, Rodil dirixiuse ao conxunto da sociedade galega para que se "mobilice" en defensa dos seus medios de comunicación, xa que, lembrou que son un dereito esencial dos galegos e galegas, do mesmo modo que a sanidade e a educación pública.

Pola súa parte, Silvia Longueira incidiu na "necesidade dun debate transparente e construtivo" sobre o futuro dos medios públicos e a Galiza, que garanta tanto a independencia como o cumprimento da súa misión de servizo público.

Comentarios