Falece Javier Suárez-Vence, ex vicepresidente da Xunta

Suárez-Vence converteuse ademais no home forte de Coalición Galega ao asumir o cargo de secretario xeral.
Alfonso Zulueta, Francisco Castro, Fernando González Laxe e Javier Suárez-Vence, en 1989 (Foto: CCG).
photo_camera Alfonso Zulueta, Francisco Castro, Fernando González Laxe e Javier Suárez-Vence, en 1989 (Foto: CCG).

O ex vicepresidente da Xunta da Galiza e conselleiro Javier Suárez-Vence, nacido no municipio da Baña (A Barcala), faleceu esta sexta feira aos 88 anos. Fillo do xuíz José María Suárez Vence, estudou Dereito e foi delegado do Ministerio de Obras Públicas en Pontevedra e secretario da Fundación Galicia-Empresa.

Con todo, o seu perfil político acentuouse na primeira lexislatura autonómica, sendo deputado desde 1981 con Unión de Centro Democrático (UDC). Tan só dous anos despois, en 1983, o por aquel entón presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, reestruturou o seu gabinete e incluíu a tres conselleiros da partido UCD.

Un deles, era Suárez-Vence, que foi nomeado conselleiro de Sanidade e durante uns meses asumiu a Consellaría de Ordenación do Territorio. Posteriormente, deixou Alianza Popular para formar parte de Coalición Galega e apoiar a moción de censura que acabou co Goberno de Albor.

En 1988, como consecuencia da dimisión de Xosé Luís Barreiro Rivas, procesado por un presunto delito de suborno e prevaricación, Suárez-Vence foi nomeado vicepresidente do Goberno galego, na Presidencia do socialista Fernando González Laxe.

Desta etapa destaca, entre outras cuestións da súa andadura no Executivo galego, a súa mediación para que 600 traballadores da factoría de Citroën de Ourense deixaran o fechamento que mantiñan na catedral de Santiago de Compostela.

Coalición Nacionalista

Converteuse ademais no home forte de Coalición Galega ao asumir o cargo de secretario xeral. En febreiro de 1989 asinou o acordo cos dirixentes do Partido Nacionalista Vasco (PNV), as Agrupacións Independentes de Canarias (AIC) e o Partido Nacionalista de Castela e León para concorrer baixo o nome de Coalición Nacionalista nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1989.

Comentarios