[En actualización]
Miles de persoas procedentes de todas as comarcas galegas maniféstanse arestora polas rúas de Compostela convocadas polo BNG nunha grande mobilización polo Día da Patria Galega baixo o lema “A forza deste país”. A manifestación partiu da Alameda da capital galega pasadas as 12 horas entre bandeiras, gaitas, bombos do Baixo Miño e consignas, e presidida por unha bandeira da Patria xigante.
A calor deu nesta mañá da quinta feira unha pequena tregua en Compostela após a fogaxe da cuarta e terza. Este 25 de xullo fanse 40 anos da “recuperación” da zona vella para a manifestación nacionalista, á que se lle prohibira acceder ao corazón de pedra da capital entre 1981 e 1983. “Non renunciamos á Patria galega”, outro lema que ecoa na mobilización de hoxe como facía aquel Día da Patria Galega de 1984.
A FORZA DESTE PAÍS 💪✊#DíaDaPatriaGalega pic.twitter.com/9g1betMG6S
— BNG - Bloque Nacionalista Galego (@obloque) July 25, 2024
Para alén de bandeiras galegas, este 25 de xullo destacaban xa desde primeira hora outras que tradicionalmente estaban presentes este día mais que hoxe tiñan unha presenza e forza especial: as palestinas. Os berros de “Galiza-Palestina, solidariedade” escóitanse na marcha.
![Faixa](/media/nosdiario/images/2024/07/25/2024072512104227487.jpg)
A faixa co lema deste ano, “A forza deste país”, portada pola Executiva nacional do BNG coa súa portavoz nacional á fronte, Ana Pontón; vai dando paso a unha riada de miles de persoas que hoxe celebran a Nación galega. Faixas en defensa do galego ou da sanidade pública, contra Altri e proxectos de “destrución do territorio”, de defensa dos sectores produtivos, reivindicando a soberanía nacional... van poboando a longa manifestación. Destaca unha faixa xigante cos rostros de Castelao e Rosalía. Na manifestación púidose ver de novo ao histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, quen xunto a Martiño Noriega e Antón Sánchez capitaneaban a pancarta de Anova, coa que a formación escenifica a súa sintonía co proxecto do BNG.
Antes da saída da manifestación, Ana Pontón, en declaracións aos medios, apuntou que as eleccións do 18-F amosaron "o gran momento dun BNG, que demostrou que non ten límites nin teito e vai mos seguir facendo historia". Para a líder nacionalista, o BNG está de moda "e non é unha moda pasaxeira porque está asentada sobre bases firmes e solidas". Defendeu que o BNG, mais que alternativa ao PP, é xa un "Goberno alternativo con propostas para sacar adiante este país".
![Laracha](/media/nosdiario/images/2024/07/25/2024072512454677614.jpg)
"Hai que continuar"
Entre as miles de asistentes á mobilización do BNG, tres rapazas da Laracha (comarca de Bergantiños), Miriam, Mencía e Uxía. "Xa viñamos ao Día da Patria Galega cos noso pais", afirman, e desde entón continúan acudindo a esta cita na capital galega polo 25 de xullo, "é xa unha tradición que queremos continuar".
Tamén asisten á manifestación Jaime e Artur, de Compostela, que destacan que esta é unha xornada para "mostrar o que é un sentimento popular, como galegos". Para estes dous rapaces, o Día da patria Galega non debe ser só unha xornada "de reivindicación", senón tamén "de celebración".
![galega e andaluza](/media/nosdiario/images/2024/07/25/2024072512593996397.jpg)
Máis veteranas que as rapazas da Laracha son Mari Reme, Juana e Carme, as dúas primeiras andaluzas de Málaga e a terceira galega. Carme defende a importancia de estar presente nesta manifestación para defender "que a Galiza poida decidir en todo o que lle afecta, tomar as súas propias decisións", así como un acto de defensa da Galiza "e do galego, que temos que protexelo".
As súas compañeiras andaluzas mostraron o seu apoio a estas reivindicacións, para alén de sinalar que "todo o que sexa ir en contra do facherío" está ben.
![Ordes](/media/nosdiario/images/2024/07/25/2024072513315562862.jpg)
Iván, Pablo e Sergio son outros dos participantes nesta manifestacion. Son de Ordes e están en Compostela para reivindicar "a Patria Galega".
Unha Quintana abarrotada
A manifestación, como leva facendo todos estes anos, ramata na praza da Quintana, ateigada de xente e onde o sol xa dá con forza, desapareceu aquela tregua de antes de saír a mobilización. Olalla Rodil, viceportavoz parlamentaria do BNG, é a encargada de dar a benvida a todas as asistentes e de saúdar ás asociacións, organizacións e colectivos que apoian a manifestación nacionalista.
A seguir intervén a secretaria xeral de Galiza Nova, Marta Gómez. "O nacionalismo galego está vivo e é a única forza que fai avanzar este país". Destaca a importancia da mocidade á hora de "facer país e de liberar a Galiza".
![quintana](/media/nosdiario/images/2024/07/25/2024072513202757223.jpg)
Ana Pontón, comezou a intervención lembrando a primeira vez que acudiu ao Día da Patria Galega en Compostela, "hai 30 anos, a emoción de camiñar canda miles de compatriotas".
"Hai só oito anos, todas e todos recordaredes que o BNG estaba nunha situación moi crítica, até o punto de que a nación galega como suxeito político estivo a piques de desaparecer. Nese ano, no 2016, decidimos colectivamente comezar unha nova liña política actualizada e moderna, que respondía ás aspiracións e preocupacións da sociedade galega. Pasaron só oito anos, e os froitos desa nova liña política están á vista de todo o mundo, cun apoio popular en máximos históricos e medrando ano tras ano. Hoxe o BNG está consolidado e reforzado como segunda forza política multiplicando por catro, digo ben, por catro, o apoio social e electoral que tiñamos no 2016", manifestou.