Gómez Besteiro: "Precisamos colocar a Galiza na vangarda e no teito competencial que teñen outros territorios"

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG)
Besteiro
photo_camera Besteiro no acceso ao salón de plenos do Parlamento (Foto: Nós Diario)

O Goberno de Alfonso Rueda vén de facer 100 días, que valoración fai do mesmo?

Eu creo que nestes 100 días tivemos a oportunidade de ver máis a un líder da oposición a Pedro Sánchez que a un presidente da Xunta da Galiza. O propio Rueda definiuse así e parece que está cómodo nese papel.  Esixímoslle a Rueda que poña o traxe de presidente da Galiza e empece a exercer. Xusto o que non fixo nestes 100 días de desgoberno. 

Con el, Galiza está á cola de España: medramos menos que o resto do Estado e, mentres outras comunidades captan industrias, aquí perdemos a reindustrialización do noso país e un bo aproveitamento dos fondos europeos.

Co PP tamén estamos á cola dos servizos sociais, Rueda pecha centros de saúde, e a Atención Primaria é para el... secundaria. Ademais a única acción lexislativa que impulsou nos 100 días foi para privatizar os recursos naturais da Galiza.  Rueda hoxe é menos crecemento, menos dereitos e nula ambición de país. Todo o contrario do que representa o PSdeG.

 E que valoración fai do traballo do PSdeG nestes 100 días? Como se leva estar na oposición e como segunda forza?

Estamos cumprindo co que nos comprometemos: ser unha oposición útil e construtiva, pero implacábel na defensa dos intereses dos galegos e galegas. Xa desde o mesmo debate de investidura, ofrecinlle a Rueda 5 grandes acordos de país, nos temas máis urxentes como son a vivenda, a sanidade pública, o futuro enerxético e industrial de Galiza, a defensa do galego e un acordo local en favor dos concellos. Estamos aínda agardando que Rueda mostre interese algún nestes asuntos estratéxicos pero nós non pararemos de traballar. Somos un partido de Goberno que non está cómodo na oposición, todos os demais parecen estar moi cómodos onde quedaron. Nós non, e iso motívanos a traballar moito máis que os demais.

 Besteiro veu para quedar?

Eu non vou facer como Feixoo que dixo Galiza, Galiza, Galiza e aos dous meses cambiou por Madrid, Madrid, Madrid.  Saben que renunciei a ser ministro do goberno de España para quedar na Galiza e liderar unha alternativa de goberno ao PP. Estou traballando para que o PSdeG presida a Xunta dentro de catro anos e creo que xa o demostrei ao longo da miña vida, non me rindo facilmente.

A única alternativa real ao PP será a encabezada polo Partido Socialista de Galicia, non hai outra, e quedou demostrado na historia electoral do noso país. Somos os únicos con capacidade demostrada de xestión, ganas e equipos moi solventes. O partido das 100 alcaldías que está disposto a levar esa forza das municipais ao ámbito autonómico. Temos moito traballo e moita ilusión por facelo ben.

Cal é a postura do PSdeG sobre Altri? Acúsanos de porse de perfil

A nosa posición é clara: non nos gusta o proxecto de Altri e, como partido responsábel, traballamos con informes rigorosos na man e esixindo información transparente. O que sabemos é que a viabilidade económica de Altri non parece estar asegurada, que Feixoo e Rueda apadriñaron este proxecto e seguen sen aclarar se os galegos e galegas imos ter que poñer dos nosos cartos. 

Non nos gusta a confusión creada tanto pola empresa como pola Xunta. Presentaron un proxecto que agora é totalmente distinto tanto a nivel económico, social como medioambiental. Mal asunto. Rueda colleu este proxecto e fíxoo seu. Por que non responde cando lle preguntamos  directamente polo investimento da Xunta en Altri, polo desplome nos postos de traballo previstos e polo impacto medioambiental?

Hai moita inquietude e moita confusión provocada, principalmente, polo escurantismo de Alfonso Rueda. Os e as socialistas galegas seguiremos reclamando información e non caeremos no oportunismo.  Repito, non nos gusta este proxecto e, cando máis avanzamos, menos viábel parece.

Compostela, O Carballiño… semella que hai maruxía interna no PSdeG…

Se cando hai debates nunha organización lle queremos chamar maruxía, entón creo que todos os partidos teñen maruxía. Tena o PP cando dimite a ex conselleira e número 1 por Ourense por non volver entrar no executivo ou cando lle abren xuízo oral a Baltar. Tena o BNG cando a UPG fala de autodeterminación e independencia mentres a dirección mira para outro lado... ou cando defende a Palestina pero non a Ucraína, coincidindo lamentablemente coas teses de Putin e Trump.

Non lembro ningunha dirección de ningún partido que non teña que facer fronte a discrepancias dentro da súa organización. Somos un partido moi vivo e traballamos para solucionar estas situacións sen perder de vista que o importante, sempre, é a cidadanía.

Estamos ás portas do parón parlamentario de verán, cal van ser os obxectivos do PSdeG no vindeiro período de sesión?

Imos comezar setembro coa preparación da conferencia política dos e das socialistas da Galiza. Será o punto de arranque do novo proxecto que poñeremos en marcha para construír a alternativa política na Galiza: un país cunha economía robusta, que aproveite as súas capacidades dentro da transición ecolóxica, que protexa e mellore os servizos públicos, e que inicie con determinación unha necesaria rexeneración democrática. Traballaremos para ter unha Galiza moderna, conectada e con ambición. 

Haberá transferencia da AP-9?

Creo que o foco, máis que na transferencia debe estar na gratuidade, que ao final é o que aos galegos e galegas lles interesa, e niso é no que estivemos a traballar nos últimos anos. Por certo nós sos, sen PP nin BNG. Xa nos orzamentos de 2022, por certo cos votos en contra do BNG e do PP, o goberno de Sánchez aprobou unha partida de 63 millóns de euros para bonificacións da AP-9. Foi así como comezaron as rebaixas do 50%. E no acordo de investidura do presidente do goberno propuxemos ampliar os descontos até 75% é sumar a AP-53, que achega Santiago e Ourense.

Por certo, eu fun o único candidato que se comprometeu a que, se gañaba as eleccións, conseguiría a gratuidade da AP-9. Fíxese se é relevante este asunto para o Partido Socialista. O meu compromiso é seguir traballando desde a oposición pola gratuidade da AP-9. Rueda ten que pedir perdón aos galegos polo que fixo o PP coa AP-9. O problema creouno o Partido Popular ampliando por 25 anos a concesión. Por certo, cando Feixoo era Conselleiro de Obras Públicas. Nós esiximos coherencia a Rueda é que faga gratuítas as autoestradas da Xunta da Galiza. Non pode haber galegos de primeira e de segunda.

Apoia o PSdeG unha reforma do estatuto de cara a un maior autogoberno para a Galiza?

Os socialistas galegos defendemos que Galiza teña un Estatuto de primeira, como teñen outras comunidades. Resulta incríble que o PP en 15 anos, con Feijóo e Rueda, non conseguise nin unha soa competencia máis para Galiza. Cando falo de non poñer o traxe de presidente de Galiza e do conformismo de Rueda, refírome a este tipo de cousas. Precisamos un goberno con ambición e que coloque a Galiza na vangarda e no teito competencial que teñen outros territorios. A reforma do noso Estatuto é unha prioridade.

Cal é a proposta do PSdeG para a Galiza no debate sobre o financiamento autonómico?

A Xunta negouse a ir á reunión de financiamento autonómico que convocou o Goberno estatal nun exercicio de deixadez de funcións e da indolencia á que nos ten acostumados. Vemos unha vez máis a Rueda facendo de líder da oposición.  Nós defendemos un modelo de financiamiento que atenda as singularidades da Galiza, como o despoboamento ou a dispersión xeográfica. Pero así sempre o fixo o Partido Socialista, atender aos territorios.

Convén aclarar algúns datos que poñen de manifesto o que está a facer o Goberno de España fronte ao que fai o Goberno de Rueda. A Xunta este ano vai recibir 9.374 millóns de euros como anticipos, e 1.200 millóns máis como liquidación do ano 2022. É dicir, 10.500 millóns de euros. Pensen que o orzamento galego é de case 13.000 millóns. 

Ademais, conta con 1.500 millóns de fondos europeos conseguidos polo goberno de Pedro Sánchez, e co voto en contra do PP. Por certo, diñeiro xestionado pola Xunta e con denuncias por falta de transparencia.  E tamén recibiu outros 1.500 millóns de euros do Goberno de España de fondos extraordinarios durante a pandemia. Destes fondos, o Consello de Contas vén de manifestar que só 1,9 millóns foron para a administración local, o que é significativo do que a Xunta fai polos concellos. Lamentabelmente o PP só fala de financiación autonómica cando non goberna. A financiación local modificouse co goberno de Zapatero e modificarase co de Pedro Sánchez. Con Raxoi e Feixoo, a Xunta foi un auténtico páramo en termos de financiamento local. Os que temos experiencia de xestión na Administración local sabémolo moi ben.

Cal considera son os principais retos que debe afrontar Galiza nestes anos?

Temos grandes retos para os que o Goberno galego non ten solucións nin esperanza de telos. En primeiro lugar, temos un problema na sanidade galega que é a falta de medios e de persoal sanitario. Temos tamén un grave problema demográfico relacionado coa falta de oportunidades no rural e que se vai agravar se non se toman medidas.

Defender os nosos sectores produtivos como a pesca, o marisqueo, o sector lácteo, etc... é urxente no lugar de ver como esmorecen. O noso partido defende a innovación e a reindustrialización para poder reter talento e crear postos de traballo ben retribuídos. E temos tamén un grande reto enerxético. A Galiza ten hoxe a oportunidade de ser pioneira en Europa grazas ás enerxías renovábeis. Un sector de futuro e para o que temos inmellorables condicións. Somos o único partido cun Pacto Eólico Sostíbel no que os parques se zonifican, se acordan coas comunidades locais e a riqueza queda no territorio.

E outro desafío importante é o da vivenda, que está a ser un problema totalmente enquistado, especialmente para os nosos mozos e mozas. A defensa da nosa lingua, que continua en retroceso sen que a Xunta faga nada por impedilo e mesmo votando catro veces en contra do seu uso noutras institucións.  En definitiva, temos moito traballo por facer para que a Galiza non siga perdendo oportunidades por mor dun goberno na Xunta sen proxecto e sen ambición.

Comentarios