O BNG mobilízase polo Día da Patria Galega, o PP acode á misa por Rosalía e o PSdeG realiza a tradicional ofrenda a Castelao

Ademais, esta quinta feira tamén decorrerá en Compostela a manifestación polo Día da Patria Galega que convoca Assembleias Abertas Independentistas. Pola súa parte, o Partido Comunista da República Galega (PCRG) organiza unha manifestación e un xantar popular.
Manifestación nacional do BNG polo Día da Patria Galega, o pasado ano (Foto: Arxina).
photo_camera Manifestación nacional do BNG polo Día da Patria Galega, o pasado ano (Foto: Arxina).

O BNG agarda unha participación masiva na manifestación do Día da Patria Galega que decorre este 25 de xullo en Compostela e para a que a organización nacionalista promoveu toda unha serie de actos previos polo conxunto da Galiza.

Tratarase dunha manifestación histórica, pois hai exactamente 40 anos, o 25 de xullo de 1984, a manifestación do BNG volvía á praza da Quintana tras serlle negado o acceso polas autoridades gobernativas durante os catro anos anteriores. A formación nacionalista lembrarán estes sucesos durante a convocatoria do Dia da Patria Galega deste ano.

Ademais, o responsábel de Comunicación do BNG, Xavier Campos, contextualiza o Día da Patria Galega de 2024, baixo o lema ‘A forza deste país’, nun marco especial e no "mellor momento da historia do BNG" polos resultados alcanzados nos dous últimos procesos electorais e pola “súa capacidade de mobilización en defensa dos intereses do país”.

"Na manifestación do 25 de xullo confluirán todas as causas xustas que están en loita agora mesmo neste país e todas as causas xustas da humanidade", afirmou a responsábel de Organización da formación nacionalista, Lucía López, quen asegurou que será unha "gran mobilización nacional en defensa de Galiza e do dereito da nosa nación a ser e existir en pé de igualdade cos demais pobos do mundo".

Ofrenda ao Apóstolo

Pola súa parte, ás 10 horas, varios cargos institucionais do PP participarán esta quinta feira na ofrenda ao Apóstolo Santiago na Catedral de Compostela, entre eles, o líder estatal, Alberto Núñez Feixoo,  así como o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices, é o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. Neste acto tamén estará o delegado do Goberno español na Galiza, o socialista Pedro Branco, entre outras autoridades.

Pola tarde, ás 17 horas, en Compostela, terá lugar unha misa en lembranza de Rosalía de Castro na igrexa de Santo Domingos de Bonaval á que acudirá a secretaria xeral do PP, Paula Prado, así como outras autoridades. Posteriormente terá lugar unha ofrenda floral no Panteón de Galegos e Galegas Ilustres.

Acto do PSdeG en Rianxo

A partir das 11.45 horas, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, preside os actos do partido en Rianxo (O Barbanza) con motivo do Día da Galiza, nos que a formación levará a cabo a tradicional ofrenda floral a Castelao.

Outros actos

Ademais, esta quinta feira tamén decorrerá en Compostela a manifestación polo Día da Patria Galega que convoca Assembleias Abertas Independentistas. Pola súa parte, o Partido Comunista da República Galega (PCRG) organiza unha manifestación e un xantar popular.

Comentarios