A mocidade de Galiza Nova homenaxea Rosalía e Castelao

A portavoz nacional do BNG participou no acto que cada ano celebra a organización xuvenil para homenaxear a Rosalía e Castelao. Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova, asegurou que esta é unha semana "histórica". 
Alba Quiroga, Ana Pontón e Marta Gómez, en Bonaval (Foto: Arxina).
photo_camera Alba Quiroga, Ana Pontón e Marta Gómez, en Bonaval (Foto: Arxina).

A secretaria xeral de Galiza Nova (organización xuvenil do BNG), Marta Gómez, destacou na homenaxe da mocidade a Rosalía e Castelao que cada ano realizan en Bonaval (Compostela) na véspera do Día da Patria Galega, a edición especial deste ano, xa que chega despois da Semana da Patria que desenvolveron e que cualificou de “histórica”. 

É a primeira homenaxe "co novo logotipo de Galiza Nova", explicou Gómez, e na que o Mocidade, o seu voceiro, “chega á súa edición número 50. É un orgullo ser militante de Galiza Nova e temos a misión de seguir co legado de Rosalía de Castro e Daniel Castelao". 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, animou a Galiza Nova a sumar “cada vez máis mozos e mozas” á formación nacionalista a única forza política “coas mans libres” e “cun proxecto de País capaz de darlle oportunidades á mocidade”. Así o manifestou sta cuarta feira no acto que cada ano celebra a organización xuvenil para homenaxear a Rosalía e Castelao, no que apuntou como reto “chegar a toda a xente moza” que comparte co BNG “as ganas de construír unha Galiza con futuro”. 

A lider nacionalista, desde Santiago, sinalou que “precisamos a toda esa mocidade rebelde e inconformista para construír esa outra Galiza posíbel”, incidiu, ao tempo que facía un chamamento a “traballar con vocación de conquistar á maioría social”.

Pontón recalcou, ademais, que hai moitas maneiras de sentirse galego e galega, tamén entre a xente moza, mais que "todas son necesarias para construír un País mellor". Neste sentido, recordou o “papel decisivo” que xogou a mocidade no histórico resultado do BNG nas pasadas eleccións galegas.  

Neste contexto, apelou á mocidade a rebelarse fronte aqueles que lles están fallando e que lles deixan unha Galiza na que teñen que escoller "entre precariedade ou emigración”, na que ter acceso a unha vivenda “é misión imposíbel”.

Ademais, fronte aos que acusan á xente moza de “ser moi cómoda” ou “querelo todo feito”, Pontón contrapuxo unha mocidade “sobradamente preparada e comprometida” que pelexa por unha sociedade "inclusiva, diversa e tolerante". A portavoz nacional, por último, indicou que o 18 de febreiro se puxo en marcha un “cambio imparábel” no País que vai permitir, máis pronto que tarde, construír unha Galiza mellor e con futuro. “E imos facelo con vós, coa mocidade”, concluíu.

 

Comentarios