As protestas polo xenocidio en Palestina marcan a viaxe de Netanyahu aos Estados Unidos

Biden e Harris reúnense a quinta feira co líder israelí.
Benjamin Netanyahu a segunda feira. (Foto: Amos Ben Gershom / Israel Gpo / Europa Press / Contacto)
photo_camera Benjamin Netanyahu a segunda feira. (Foto: Amos Ben Gershom / Israel Gpo / Europa Press / Contacto)

“O historial de comportamento fascista e xenocida de [Benjamin] Netanyahu non é novo”, cuestionou a cuarta feira o congresista estadounidense Jamaal Bowman, do Partido Demócrata, que criticou nun artigo a intervención do primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí prevista a cuarta feira no Congreso, que o confirmará como o mandatario estranxeiro que máis veces interveu nunha sesión do lexislativo estadounidense, até en catro ocasións, superando o ex primeiro ministro inglés Winston Churchill.

A intención de Netanyahu, que busca consolidar o apoio do seu principal aliado á agresión israelí contra Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) cualifican como un xenocidio e unha limpeza étnica, chocou coa resposta social contra a súa presenza.

Milleiros de persoas demandaron que fora arrestado nunha protesta fronte ao Congreso horas antes da súa intervención e adiantaron que tratarían de bloquear o seu acceso ao Capitolio, o edificio no que localiza o organismo.

Un día antes, 200 persoas foron detidas por manifestarse dentro do Congreso após a convocatoria de Voces Xudías para a Paz, nunha tentativa de frear a instrumentalización desta relixión por parte do Estado sionista, que xustifica o xenocidio cualificando a loita contra el como antisemitismo.

A vicepresidenta e con moitas probabilidades candidata demócrata nos comicios de novembro, Kamala Harris, non programaba asistir ao discurso alegando problemas de axenda.

Non obstante, agárdase que tanto ela como o mandatario Joe Biden se reúnan a quinta feira con Netanyahu por separado, mentres que a sexta é a quenda da xuntanza co ex presidente e candidato republicano, Donald Trump.

En Gaza, o Consello Noruegués de Refuxiados indicou que 150.000 persoas tiveron que fuxir en dous días de Khan Younis, no sur do enclave, polo comezo dun novo ataque terrestre israelí, que prosegue cos bombardeos indiscriminados contra o territorio a pesar de que non logrou ningún dos obxectivos declarados da agresión militar, eliminar Hamás e liberar as persoas israelís detidas na Faixa desde a operación da resistencia palestina do 7 de outubro.

En paralelo, a maxistratura do Tribunal Penal Internacional  (TPI) está a atrasar a decisión sobre a orde de arresto que a Fiscalía pediu contra Netanyahu por crimes contra a humanidade, permitindo a máis de 60 Estados e organizacións presentar argumentos, en contraste coa rápida decisión á hora de aceptar a orde  de detención contra o presidente ruso Vladimir Putin.

Comentarios