Catalunya xestionará o Ingreso Mínimo Vital tras un acordo bilateral co Estado español

A Galiza leva 14 anos sen recibir transferencias de competencias.
O presidente español Pedro Sánchez (PSOE) e o seu homólogo catalán Pere Aragonés, a cuarta feira. (Foto:
David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera O presidente español Pedro Sánchez (PSOE) e o seu homólogo catalán Pere Aragonés, a cuarta feira. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Os presidentes de Catalunya, Pere Aragonès (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC), e do Estado español, Pedro Sánchez (PSOE), rubricaron a cuarta feira na viaxe do segundo á capital catalá o traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital á Generalitat de Catalunya, unha das exixencias da forza nacionalista no marco da negociación para apoiar a investidura de Salvador Illa, líder do PSOE catalá, como novo president catalán.

Segundo as cifras do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que recompilou os reais decretos que executan as transferencias de competencias que están en mans da Administración estatal, este sería o primeiro traspaso de funcións ou medios desde 2022 a Catalunya. Porén, nos últimos 15 anos recibiu até 13, con especial énfase en 2009 e 2010, cando se fixo coas atribucións para xestionar o servizo de transporte de persoas no tren de proximidade.

No mesmo período, Euskadi recibiu 29, e só neste ano obtivo novas funcións no tocante á Sanidade e á asistencia social, no servizo de ferrocarrís de proximidade ou á hora de homologar títulos superiores do estranxeiro, unha competencia cuxa entrega foi suspendida a cuarta feira polo Tribunal Supremo español.

A diferenza de Euskadi, en Nafarroa en máis de dúas décadas apenas se rexistraron dúas transferencias: A da Sanidade dos cárceres e a de tráfico e circulación de vehículos a motor.

A nivel galego, onde o Partido Popular (PP) ostenta o control da Xunta da Galiza desde 2009, o único traspaso que recolle o Ministerio é de 2010, cando tomou o control de varios museos, bibliotecas e bens de carácter patrimonial. Iso si, a decisión reflectiu o acordado nunha Comisión Mixta de Transferencias entre o Estado e a Galiza durante o Executivo conxunto entre PSOE e Bloque Nacionalista Galego (BNG), que logrou até nove traspasos.

O certo é que desde os 193 acordos de traspaso a nivel xeral efectuados por José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) na Moncloa pasouse a 16 nos cinco primeiros anos de Goberno de Mariano Raxoi. Na súa última lexislatura, na que unha moción de censura abriu a porta a Sánchez, ratificáronse tres. A pesar do cambio de Executivo, desde as eleccións españolas a finais de 2019 que o consolidaron na Presidencia e até abril apenas se rexistraron 20.

Nesta lexislatura, a adaptación da estrutura estatal ás distintas realidades nacionais que a compoñen é un dos eixos fixados polas forzas soberanistas, que permitiron a Sánchez ser reelixido en novembro de 2023. Ao respecto, a transferencia das competencias é unha das claves dos acordos de investidura que asinaron co PSOE.

O pacto con ERC detalla que se culminará o “traspaso integral” do servizo de trens de proximidade a Catalunya, así como os recursos económicos necesarios. A semana pasada acordaron iniciar en 2025 este proceso, mentres que no acordo con Junts recóllese un esquema de negociacións sobre a “superación dos déficits e limitacións do autogoberno”.

Pola súa parte, o asinado co PNV sostén que “nun prazo improrrogábel de dous anos” o Executivo español terá que transferir “as competencias aínda pendentes” que enumera o Estatuto de Gernika, e que suman arredor dunha trintena.

Linguaxe semellante aparece no entendemento co BNG, que insta a convocar a Comisión Mixta de Transferencias e “programar” nesta lexislatura estatal “a activación da transferencia da totalidade das competencias recollidas no Estatuto” e que foron “obxecto de consenso no Parlamento da Galiza”. En todo caso fican pendentes puntos clave como o traspaso da xestión do litoral e arredor de 70 competencias máis, estima o BNG.

Malia a negativa do PP na Xunta ou na Moncloa a levar a cabo estas transferencias, a conselleira de Política Social e Igualdade da Galiza, Fabiola García, aprestouse a enviar unha misiva a Elma Saiz, ministra de Inclusión, Seguridade Social e Migración, para reclamarlle a “xestión íntegra” do Ingreso Mínimo Vital.

Á vez, o Goberno español non convocou a Comisión Mixta de Transferencias, algo que o acordo BNG-PSOE recollía que tiña que acontecer antes do final de 2023, despois de facer o propio coa convocatoria á que se comprometera co pacto de investidura asinado en 2020. Dese documento, o Goberno español tamén ignorou que nese ano tiña que ser aprobada no Congreso a transferencia da AP-9.

Illa, cada vez máis perto de ser o novo president con permiso da militancia de ERC

Aínda que en teoría a investidura de Salvador Illa como 133º president, que negocian PSOE e ERC, non formou parte da reunión entre Pedro Sánchez e Pere Aragonès, medios cataláns interpretárona como unha escenificación do cumprimento por parte do PSOE dos seus acordos, explicitada no traspaso do Ingreso Mínimo Vital ou no calendario fixado con anterioridade para a transferencia do tren de proximidade.

Con todo, un novo modelo de financiamento continúa a ser a principal exixencia dos soberanistas, que reclaman a xestión dos seus impostos por medio dun sistema singular equivalente a un concerto económico. Todo isto entre indicios de que o PSOE está perto de ceder, mentres a prensa local sostén que a consulta ás bases de ERC sobre o pacto será o 1 de agosto.

Comentarios