Harris, moi perto da elección como candidata en substitución de Biden ao facerse co apoio da maioría de delegadas

O Partido Demócrata adianta a designación da candidatura á primeira semana de agosto.
A vicepresidenta estadounidense Kamala Harris nun acto a segunda feira. (Foto: Michael Brochstein / Europa Press / Contacto)
photo_camera A vicepresidenta estadounidense Kamala Harris nun acto a segunda feira. (Foto: Michael Brochstein / Europa Press / Contacto)

A vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, será con moita seguridade a candidata do Partido Demócrata nas eleccións presidenciais que decorrerán o 5 de novembro ao facerse co apoio de máis de 2.500 delegadas e delegados da formación escollidos nas primarias demócratas a nome de Joe Biden, que renunciou á candidatura á reelección o pasado domingo, constataron a terza feira axencias occidentais.

Con arredor de 700 apoios por riba dos necesarios para gañar a primeira votación, que nun inicio estaba prevista na Convención Nacional Demócrata que comeza o 19 de agosto en Chicago, Harris podería ser designada formalmente na primeira semana de agosto após confirmar Jaime Harrison, presidente do Comité Nacional Demócrata, que o proceso para substituír Biden se completará entre o 1 e o 7 de agosto dependendo da cifra final de candidaturas.

Lexitimidade

O que Minyon Moore, presidenta da Convención, cualificou de proceso de nomeamento “rápido, transparente e xusto”, a pesar de que todo indica que a vicepresidenta farase coa candidatura, trata de dotala de lexitimidade perante as previsíbeis críticas dos republicanos tras unhas primarias nas que Biden fora o escollido.

75 millóns de euros

Após o anuncio de Biden a súa campaña de reelección foi renomeada como a de Harris e recadou case 75 millóns de euros nas primeiras 24 horas.

Varias e varios doantes millonarios ameazaran con frear as súas achegas se Biden non daba o paso no marco da tentativa de múltiples representantes demócratas de forzar a súa renuncia ante a posibilidade de que a permanencia da candidatura dificultara que mantivesen os seus escanos nos comicios, nos que tamén se renovará a Cámara Baixa e un terzo do Senado.

Comentarios