A candidatura de Harris non consegue fechar a división no Partido Demócrata

A forzada renuncia de Joe Biden á carreira presidencial abre novas frontes internas no Partido Demócrata. Malia que a vicepresidenta, Kamala Harris, parte como favorita para ser a nova candidata da formación, non se desbota a aparición doutras opcións alternativas. A gran preocupación dos demócratas é manter a unidade
EuropaPress_6101895_july_2024_washington_district_of_columbia_usa_united_states_vice_president
photo_camera A vicepresidenta estadounidense e aspirante a candidata demócrata, Kamala Harris. (Foto:Cross / Europa Press).

Joe Biden, finalmente, rendeuse. A presión dos grupos económicos ligados aos demócratas, encabezados polos grandes doantes, así como dos pesos pesados do partido, liderados por Nancy Pelosi e Barack Obama, obrigárono a dar un paso atrás. Uns e outros temían unha derrota histórica fronte a Donald Trump, que aparece cunha clara vantaxe nas sondaxes e como vencedor nos sete Estados considerados chave nos comicios presidenciais.

Biden aproveitou o anuncio da súa renuncia para propor como candidata demócrata a súa vicepresidenta, Kamala Harris. Harris, antiga fiscal xeral de California e senadora entre 2017 e 2021, fai parte do núcleo de poder do Partido Demócrata e está integrada na considerada elite da formación. Ao tempo, conta co respaldo do poderoso lobby xudeu, a súa parella, Douglas Emhoff, é un destacado membro do mesmo, da industria tecnolóxica, do conglomerado industrial e do sector financeiro ligado a Wall Street. Tanto é así, que a familia Soros, a través de Alexander, foi das primeiras en ofrecerlle o apoio.

A candidatura de Harris sumou nas últimas horas os máis variados apoios. A súa proposta foi validada por Bill e Hillary Clinton, cabezas visíbeis do sector do partido asociado a Wall Street, pero tamén de Alexandria Ocasio-Cortez, representante da corrente máis á esquerda da formación. Ao tempo, conta co apoio de gobernadores como Gavin Newson de California, Andy Beshear de Kentucky, Tim Waltz de Minesota, Josh Shapiro de Pensilvania e Roy Cooper de Carolina do Norte. Concretamente, Shapiro e Cooper eran dous dos nomes que aparecían en todas as quinielas para suceder Biden.

A liña de Biden

Harris ofrece continuidade respecto da política de Biden, que á súa vez seguiu a liña do Goberno de Obama. Neste sentido, destacou como vicepresidenta pola súa defensa dunha liña de man dura coa inmigración, de apoio fechado a Israel e de escalar o conflito no leste de Europa. Nesa dirección, participou en diversos actos de solidariedade co Goberno de Netanyahu mentres bombardeaba a Faixa de Gaza e significouse en garantir o respaldo ao mandatario israelí unha vez comezado o proceso contra el  na Corte Penal Internacional.

A candidatura de Harris non convence unha parte do Partido Demócrata. Un exemplo disto é o silencio sobre a súa designación de persoas decisivas na formación, como o ex presidente Barack Obama. Precisamente, estes sectores critican o seu baixo nivel de coñecemento, o labor desenvolto como vicepresidenta e, sobre todo, o seu escaso tirón electoral. Neste punto, o candidato republicano, Donald Trump, ten afirmado que Harris sería unha rival máis doada de bater que Biden.

As sondaxes publicadas a semana pasada colocan Trump por diante de Harris. A este respecto, outorgan unha vantaxe de entre de dous e catro puntos ao aspirante republicano e danlle a vitoria nos sete Estados considerados como chave nos comicios estadounidenses para lograr a Presidencia. Nesta liña, a totalidade de analistas coincide en que aínda fica moita campaña electoral por diante e a diferenza porcentual entre un e outro candidato nas circunscricións decisivas é moi escasa.

A fenda interna

A última palabra sobre a candidatura demócrata á Presidencia dos Estados Unidos téñena os 3.939 delegados e delegadas convocadas á convención que o partido realizará a partir do 19 de agosto en Chicago. Porén, os dirixentes da formación agardan chegar a un acordo sobre o nome do aspirante antes desa data e poñen o foco en garantir a unidade da formación. Precisamente, esa foi a idea trasladada por Biden na súa renuncia, quen afirmou: “Demócratas, é a hora de estar unidos”.

A presidenta do comité de regras do Comité Nacional Demócrata, María Cardona, advertiu dos riscos dunha ruptura dentro da formación. En declaracións a NBS News, asegurou que se o intento de impor Harris “é percibido como unha táctica inorgánica encabezada por altos mandos no Partido Demócrata, haberá unha guerra civil dentro do partido na que ninguén sobrevivirá”.

Comentarios