E agora que? Biden renuncia a menos dun mes da Convención Demócrata

Na renuncia do presidente hai unha persoa clave, o seu nome é Nancy Pelosi. "Nancy fixo ver claramente que poderían facer isto polo camiño fácil ou polo camiño difícil", afirmou a 'Politico' un cargo demócrata familiar coas conversacións privadas que levaron á renuncia de Biden.
A demócrata Nancy Pelosi (Foto: Lenin Nolly / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press).
photo_camera A demócrata Nancy Pelosi (Foto: Lenin Nolly / ZUMA Press Wire / DPA vía Europa Press).

Despois de tres complicadas semanas no seo do Partido Demócrata, o presidente dos Estados Unidos de América, Joe Biden, anunciou este domingo que non optará a ser reelixido nas eleccións do próximo mes de novembro.

"Creo que o mellor para o meu partido e para o país é que saia [da carreira electoral] e me centre unicamente en cumprir as miñas obrigacións como presidente durante o resto do meu mandato", anunciou o actual mandatario este domingo.

As dúbidas sobre a súa capacidade para exercer o cargo aumentaron de forma exponencial tras un debate televisivo contra Donald Trump no que non amosou a mellor das súas versións. Porén, o aínda presidente insistiu que seguiría na carreira por ocupar a Casa Branca.

Así o fixo tras aquel suceso, e despois de que desde aquel momento, unha trintena de cargos da formación no Senado e na Cámara de Representantes, así como importantes figuras como é o caso do ex presidente Barack Obama, pediran publicamente a súa renuncia.

Mais neste cambio de parecer do presidente hai unha persoa clave, o seu nome é Nancy Pelosi. “Nancy fixo ver claramente que poderían facer isto polo camiño fácil ou polo camiño difícil”, afirmou a Politico un cargo demócrata familiar coas conversacións privadas que levaron á renuncia de Biden. “Deulles tres semanas para facelo fácil [ao equipo de Joe Biden]. Estivo a punto de comezar o camiño duro”, engadiu.

Con esta decisión, Joe Biden deixa a carreira para a Presidencia dos EUA a menos dun mes para que decorra a Convención Demócrata, que terá lugar en Chicago (Estado de Illinois) do 19 ao 22 de agosto e que debe decidir quen será o próximo candidato ou candidata da formación nas eleccións que teñen lugar en novembro, en apenas catro meses.

Unha carreira aberta

E agora que? Esa é a pregunta que todos e todas se fan sobre o futuro do Partido Demócrata. Neste sentido, Nancy Pelosi, probabelmente a persoa con máis poder agora mesmo dentro da estrutura da formación, acentuou a pasada sexta feira a necesidade de que haxa un proceso aberto para escoller o próximo candidato ou candidata do partido.

Desta maneira, segundo reportou Politico, Pelosi apostou nunha reunión con demócratas de California a pasada semana por un esforzo para evitar a aparencia dunha ‘coroación’ de Kamala Harris a través dun nomeamento directo de Joe Biden. Así, dá comezo unha vertixinosa carreira aberta nas próximas semanas para lograr o liderado do Partido Demócrata.

Neste contexto, a vicepresidenta dos Estados Unidos de América, Kamala Harris, afirmou que vai gañar o nomeamento do Partido Demócrata, e agradeceu ao actual mandatario, Joe Biden, que lle dese o seu apoio. "É unha honra para min recibir o apoio do presidente e estou decidida a gañar esta candidatura. O ano pasado viaxei por todo o país, falando cos estadounidenses sobre a clara alternativa nestas transcendentais eleccións. E iso é exactamente o que seguirei facendo nos próximos días e semanas", afirmou.

"Farei todo o que estea nas miñas mans para unir o Partido Demócrata, e unir a nosa nación, para derrotar a Donald Trump", agregou a vicepresidenta dos EUA. "Quédannos 107 días até o día das eleccións. Xuntos loitaremos. E xuntos gañaremos", concluíu Harris.

Con todo, Harris necesita o apoio de 1.969 dos 3.936 delegados e delegadas demócratas na convención que comezará o próximo 19 de agosto para asegurarse o nomeamento. Neste sentido, a Comisión Electoral Federal dos EUA xa recibiu unha notificación de candidatura da vicepresidenta para presentarse ás eleccións de 2024.

Mais non está tan claro que finalmente sexa Harris a rival de Donald Trump nas eleccións de novembro. E non só polo chamamento de Nancy Pelosi a unha carreira aberta. Outra das persoas máis influentes do Partido Demócrata, o ex presidente Barack Obama, evitou este domingo apoiar a actual vicepresidenta dos EUA e pediu un proceso para elixir "un candidato sobresaliente".

Son moitas as voces que ven máis posibilidades alén de Harris e son moitos os nomes que sonan, nas próximas horas e días iranse coñecendo os candidatos e candidatas desta contenda por encabezar a candidatura demócrata nas eleccións presidenciais de novembro.

Comentarios