‘Non renunciamos á patria galega': 40 anos do retorno da manifestación do BNG á praza da Quintana

O 25 de xullo de 1984 a manifestación do BNG volvía á praza da Quintana tras serlle negado o acceso polas autoridades gobernativas durante os catro anos anteriores. Os nacionalistas lembran estas sucesos durante a convocatoria do Dia da Patria Galega deste ano.

Panorámica de Praza da Quintana durante o Día da Patria Galega de 1984
photo_camera A praza da Quintana durante o Día da Patria Galega de 1984 (Foto: Xoán Carlos Garrido).

A praza da Quintana é o espazo de referencia dos actos do Día da Patria Galega para o BNG. Alí, os nacionalistas poñen remate a mobilización dese día desde hai décadas, mais a súa conquista como lugar de reivindicación nacional foi resultado dunha loita de anos que rematou por marcar ao BNG.

A Fundación Galiza Sempre, entidade ligada ao BNG, edita este ano unha publicación para lembrar a pelexa de anos do nacionalismo para volver á praza da Quintana, após serlle prohibido o acceso á manifestación ao caco histórico da capital da Galiza entre 1980 e 1983.

O presidente da Fundación Galiza Sempre, Ruben Cela, explica a Nós Diario que “ a prohibición do acceso da manifestación patriótica á zona vella da capital da Galiza explícase no contexto dun período político comezado na primavera de 1980, reforzado polo trunfo do golpe de Estado de febreiro de 1981 e consolidado tras a maioría absoluta do PSOE en outubro de 1982”.

O período respondeu a un deseño dos aparatos do Estado que buscaba consolidar o réxime político e xurídico sacralizado na Constitución de 1978 e fechar as posibilidades abertas tras a morte de Franco co denominado proceso de Transición”, afirma Cela, quen lembra que “o nacionalismo viviu uns anos moi duros nos 80”

As razóns dunha prohibición

As autoridades do Estado prohibiron o acceso ao casco histórico da mobilización do Dia da Patria Galega entre 1980 e 1983. Segundo sinalou o dirixente da UPG e do BNG Francisco Rodríguez a decisión tiña “unha grande transcendencia e intencionalidade” e pretendía “destruír a manifestación do Día da Patria Galega en Santiago”

Non era unha determinación inocente: visaba impedir que se consolidásese como tradición a conclusión do acto na praza da Quintana”, indicou Rodríguez, quen afirmou que “non era posíbel aceitar submisos esta política destrutiva, que anulaba precisamente o conquistado con teimosía xa desde a época da clandestinidade e a ilegalidade. Desde 1978 celebramos a manifestación con total normalidade e sen restricións algunha”.

As marchas nacionalistas do 25 de xullo entre 1980 e 1983 convertéronse nunha batalla por volver á praza da Quintana. Así, xa en 1980 producíronse diversos “saltos” por entrar no casco histórico de Compostela que remataron con ducias de militantes nacionalistas de detidos e feridos.

O guión de 1980 repetiuse en 1981 e 1982. En relación co Día da Patria Galega dese último ano o seminario A Nosa Terra, sinalou que “minutos despois de rematada a manifestación producíronse numerosos saltos no -casco vello de Santiago no que participarían máis de medio milleiro de persoas, malia a estar tomadas, cada rúa, cada praza polos efectivos policiais vidos de distintas cidades de Galiza, así como da terceira e .novena rexións militares, nun. úmero de perto dos tres mil, aparte dos de paisano”.

A batalla de 1983 na praza da Galiza

A resposta á prohibición gobernativa do Día da Patria Galega foi diferente en 1983. Francisco Rodríguez explicou que “pasamos ao contraataque. En 1983, a resolución gobernativa foi a mesma: non se permitiría o acceso da manifestación á zona monumental. O BNG resolveu o seguinte: a manifestación comezaría como sempre na Alameda e, á altura da Praza de Galiza, se plantaría fronte ao dispositivo policial que impedía materialmente a pasaxe ao casco vello”.

Os militantes nacionalistas permaneceron sentados na praza de Galiza en sinal de protesta entre as 13 horas e as 18 horas, en que a policía comezou a cargar duramente contra as persoas que ocupaban ese espazo do centro de Compostela. A represión policial continuaron no interior de determinados estabelecementos hostaleiros e noutro puntos da cidade como o Ensache ou a Alameda.

O Día da Patria Galega de 1983 rematou con máis de 50 persoas atendidas por feridas de diversa consideración nos centros sanitarios da cidade e 33 persoas detidas, sete das cales permaneceron na comisaría até as nove da noite do 26 de xullo. Porén, a capacidade de resistencia e mobilización social acreditada polo nacionalismo, abriron a porta a que a marcha retornase á praza da Quintana en 1984.

O retorno á praza da Quintana

A manifestación do Día da Patria Galega de 1984 estivo marcada polo retorno da mobilización nacionalista á praza Quintana e pola figura de Daniel Castelao, cuxos restos mortais foran traslados a Galiza desde Arxentina un mes antes, no marco dunha operación política para lexitimar o réxime autonómico

As consignas dos manifestantes xiraron arredor desde dous acontecementos, destacando en relación co primeiro “hoxe entramos despois de catro anos”, “tardamos catro anos, loitamos, agora entramos” e “non renunciamos á patria galega”, lanzada por primeira vez en 1980 e que se converteu nun símbolo desta loita que aínda hoxe perdura entre as voces de orde tradicionais das marchas do 25 de xullo.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios