Que consecuencias está tendo o erro de Microsoft? Que hai que facer para solucionalo?

Un problema nunha actualización dun programa de ciberseguridade de Crowdstrike, provedor de Microsoft, causou esta sexta feira numerosas incidencias en empresas e Administracións públicas de todo o mundo. Segundo o director executivo da compañía, George Kurtz, o erro informático comezou esta quinta feira ás 21 horas.
A incidencia afectou multitude de aeroportos no mundo, como o de Palma de Mallorca (Illes Balears) [Foto: Clara Margais / DPA vía Europa Press].
photo_camera A incidencia afectou multitude de aeroportos no mundo, como o de Palma de Mallorca (Illes Balears) [Foto: Clara Margais / DPA vía Europa Press].

Un problema nunha actualización dun programa de ciberseguridade de Crowdstrike, provedor de Microsoft, causou esta sexta feira numerosas incidencias en empresas e Administracións públicas de todo o mundo. Segundo o director executivo da compañía, George Kurtz, o erro informático comezou esta quinta feira ás 21 horas.

A incidencia estendeuse a nivel global e xerou unha serie de problemas que incluíron erros nas operacións de administración de servizos e na dispoñibilidade das ferramentas ofrecidas ás empresas clientes de Crowdstrike. 

É o caso de Microsoft, que sufriu unha caída nos seus servizos. Así, o erro provocou que o sistema operativo Windows, o máis usado do mundo, non funcionase correctamente. Neste sentido, o problema tense que resolver manualmente en cada ordenador afectado, á espera dunha solución automatizada. 

Para facelo, é necesario eliminar o arquivo que contén a última actualización da ferramenta de seguridade Falcon, porque é incompatíbel con Windows. O Instituto Nacional de Ciberseguridade ofrece asistencia ás persoas afectadas no teléfono 017.

"Isto non é un incidente de seguridade nin un ciberataque", asegurou esta sexta feira Kurtz. Neste contexto, o valor das accións de Crowdstrike, cotizada do tecnolóxico Nasdaq de Wall Street, descendeu 10%, e chegou a marcar baixadas de máis de 20%. Pola súa parte, Microsoft sufriu unha moderada caída de 1,5%.

Sectores afectados

O erro en Microsoft alterou o funcionamento de compañías aéreas a nivel global e imposibilitou realizar con normalidade procesos de facturación ou embarque en plena tempada alta, obrigando a cancelar centenares de voos. Estacións de servizo, supermercados e farmacias tamén pagaron as consecuencias, neste caso, as incidencias consistiron en dificultades para o escaneo e a cobranza dos produtos a través de dispositivos electrónicos.

Outra das compañías que reportaron incidencias foi a xestora de pagamentos en liña Bizum, que sinalou a través das redes sociais que a súa plataforma puido verse afectada "temporalmente" por esta caída de Microsoft. Porén, o seu servizo xa pode utilizarse de novo "con normalidade", asegurou a firma. 

O erro afectou sectores como o enerxético, o bancario, o dos transportes e incluso varios medios de comunicación. Ademais, tamén tivo incidencia nas Administracións públicas, especialmente en sistemas de saúde. 

Consecuencias na Galiza

As consecuencias deixáronse sentir na Galiza. Ademais dos atrasos nos aeroportos, os hospitais públicos do sistema sanitario galego rexistraron problemas, aínda que a normalidade recuperouse durante a mañá. 

"[O erro] afectou hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde, mais os servizos fóronse restabelecendo progresivamente ao longo da mañá e non se produciron incidencias destacadas", explicaron fontes autorizadas da Xunta da Galiza. 

A incidencia chegou tamén ao banco con maior implantación na Galiza, Abanca, que tras horas de problemas informáticos, sobre as 14 horas, afirmou ter recuperado os seus servizos.

Comentarios