Rueda presume de "obxectivos cumpridos" nos seus 100 días de Goberno

Entidades do ensino, sanidade, emprego e medio ambiente, así como a oposición, difiren da análise.
XUnta
photo_camera José López, María Martínez Allegue, María Jesús Lourenzá, Román Rodríguez, Diego Campos, Alfonso Rueda e Ángeles Vázquez (Foto: Xunta Galiza)

A Cidade da Cultura acolleu esta sexta feira baixo o lema Galicia Cumpre o acto do Goberno galego para celebrar os seus primeiros 100 días de mandato. Un acto no que o propio Executivo, co seu presidente Alfonso Rueda á fronte, presumiu de ter "feitos os deberes" neste inicio de lexislatura. Unha visión, porén, que non é partillada desde entidades e colectivos que coinciden —máis aló do cumprimento ou non de promesas electorais— en que estes máis de tres meses de Goberno están marcados pola non resolución dos problemas existentes (sanidade, educación) ou a intensificación de novas problemáticas (territorio, medio ambiente).

Porén, Rueda afirmou esta sexta feira que chegan a estes 100 días co "100%" dos obxectivos cumpridos. Por iso, animou o seu Goberno a "seguir así" durante o que resta de mandato. O presidente, ademais, quixo gabar a "honestidade" coa que se traballa na Xunta da Galiza, o que permite falar do "valor da palabra dada", algo que "marca a diferenza" con "outros e outras".

Sanidade

A lexislatura estivo marcada en sanidade polo cambio de conselleiro —saíu Julio García Comesaña e entrou Antonio Gómez Caamaño— e a remuda da cúpula do Sergas, así como polos anuncios de medidas a futuro para paliar a falla de recursos humanos. "Venden fume", considera Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública en conversa con Nós Diario. "Continúa a deterioración da sanidade e nestes 100 días non vimos nada que indique que isto vai mudar", apunta o facultativo.

Como exemplo, indica que este verán van volver darse os problemas dos anteriores, "con centros de saúde fechados, listas de espera, camas fechadas..." e unha Atención Primaria que vai continuar "saturada".

Ensino

A extensión da gratuidade na universidade é unha das medidas aprobadas nestes 100 días das que máis se gaba o Goberno galego no eido do ensino. Desde colectivos como Anpas Galegas, porén, lembran á Xunta da Galiza que fican importantes materias pendentes ás que dar solución. 

"Estes cen días van na mesma liña que os 100 anteriores e os anos anteriores", afirma Isabel Calvete, portavoz de Anpas Galegas: "A aposta polo ensino público a verdade é que podía ser maior", indica. Lamenta a "falta de diálogo" da Consellaría coas familias en relación a temas que afectan o alumnado, como son as ratios ou o libro dixital, entre outros. 

Calvete convida o Executivo galego a pór o foco naqueles temas como o dos comedores ("continúa esa especie de caos de distintas xestións, terían que ser de xestión directa da Xunta") ou o transporte ("todos os inicios de curso, problemas"). 

A representante de Anpas Galegas fai, ademais, un chamado especial a revocar "o abandono do ensino no rural" e pide á Consellaría de Educación que "escoite" as voces, "que non son poucas", que lle piden un plan especial neste tema.

Economía e emprego

Susana Méndez, secretaria confederal de Organización do sindicato maioritario na Galiza, a CIG, valora as políticas de economía e emprego da Xunta neste inicio de lexislatura cun "non vemos nada que supuña avances significativos" en ambos os dous ámbitos. "Privatización do público, continúa a desertización industrial sen máis alternativas a ela que intentar meternos industrias contaminantes", prosegue a sindicalista. "En resumo: 100 días nos que máis alá de anuncios; todo continúa igual", conclúe Méndez.

Territorio 

O inicio da actual lexislatura en territorio e medio ambiente estivo marcado, en boa medida, pola continuidade da mobilización social contra o proxecto de Altri para A Ulloa e a un 'rexurdir' de iniciativas mineiras, como a reactivación da mina de Touro ou as buscas de litio. "Parece que en cada lexislatura ten que haber unha norma que desregule a protección do medio ambiente e o territorio", sostén Fins Eirexas, de Adega. "E Rueda xa ten a súa", afirma, en referencia á lei de recursos naturais. 

O ecoloxista incide en que nesta nova lexislatura o Goberno mantén a aposta por unha política eólica "que é cuestionada até polo propio Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG)". Sobre Altri, considera Eirexas que o Executivo está "desatado" no apoio a un proxecto "tan agresivo que non lembro ningún outro dese estilo nos mandatos anteriores".


A oposición ve un Executivo "submiso" e "sen impulso"

Para a oposición non hai motivos para o "triunfalismo" do Executivo galego por estes primeiros 100 días de Goberno. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en conversa con Nós Diario, considera que nestes 100 días "seguimos soportando un Goberno galego subordinado aos intereses de Madrid e ao servizo dos grandes lobbies económicos e das empresas amigas do Partido Popular. Polo tanto, o que vemos é un Goberno que repite receitas fracasadas e que non ten proxecto de país".Para a líder da oposición, estas 14 semanas deixan un “pobre” balance, “mesmo cutre”, un período que cualificou de “rutineiro”.

Pola súa parte, o portavoz do grupo parlamentario socialista e secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, denunciou na sexta feira a “falta de impulso” do Goberno de Alfonso Rueda nos primeiros 100 días  desta lexislatura á fronte da Xunta da Galiza. “Podería utilizar a expresión de vago,  mais é máis adecuado  un Goberno falto de impulso e tinguiduras  de indolencia”, expuxo o líder dos socialistas galegos. En opinión de Gómez Besteiro, Rueda “segue  sen trasladar que idea  ten de país”.  Tamén reprochou ao Goberno galego que culpe o Goberno do Estado “de todos os males que ten a Galiza”.

Comentarios