Pedro Sánchez propón regular os medios: o PP acusa o socialista de "ameazar coa censura" e o BNG considera que "fica curto"

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira durante unha comparecencia no Congreso, ofreceu aos grupos políticos, a excepción de Vox, un pacto coa intención de desenvolver medidas de cara a unha regulación dos medios que garanta, segundo dixo, unha "información veraz" para a cidadanía.
O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira durante a súa comparecencia no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno do Estado español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira durante a súa comparecencia no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ofreceu aos grupos parlamentarios pactar medidas que axuden á transparencia, independencia e pluralidade dos medios de comunicación para garantir así unha "información veraz" á cidadanía e impedir que haxa partidos políticos que poidan "comprar" liñas editoriais.

Sánchez esgrimiu que o que hai que facer é traspor á lexislación española o que exixe o regulamento dos medios aprobado hai uns meses no seo da Unión Europea (UE). Este regulamento expón que "os cidadáns deben coñecer as fontes de financiamento dos medios de comunicación, o nome dos seus accionistas e as cifras de audiencia de forma honesta para evitar fraudes no investimento publicitario por parte de gobernos da nosa democracia", sinalou.

Neste sentido, defendeu a necesidade de "limitar o financiamento das Administracións públicas para que non haxa medios de comunicación que teñan máis financiadores públicos que lectores". Para este fin, anunciou, actualizará a Lei de Publicidade Institucional, aprobada hai 20 anos, "cando se lían máis en papel que en pantalla e non existían as redes sociais". Tamén pretende, dixo, desenvolver medidas para evitar "a concentración de medios de comunicación en poucas mans".

Neste sentido, a vicepresidenta segunda do Goberno español e líder de Sumar, Yolanda Díaz, explicou que haberá unha comisión conxunta entre as dúas formacións que gobernan en coalición (PSOE e Sumar) para negociar cos grupos as medidas sinaladas. Ademais, Díaz alertou de que o Estado español padece situacións "profundamente anómalas", citando o comportamentos desde os poderes xudiciais que ten que ser "absolutamente mellorado".

Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno español: "Hai situacións moi anómalas como o comportamento do poder xudicial, que ten que ser absolutamente mellorado"

Sobre esta cuestión, o líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, acusou Sánchez de "ameazar coa censura". Así o fixo a pesar do regulamento de medios que a formación popular apoiou na UE. "Non hai ningún principio, non hai ningunha convicción, nunca a hai. Isto é outra milonga máis, señor Sánchez", afirmou o popular. 

Alberto Núñez Feixoo, líder do Partido Popular: "Xa hai unha lei Reguladora do Dereito á Rectificación do ano 1984, o Goberno quere controlar o que se publica"

Tras lembrar que xa existe unha lei Reguladora do Dereito á Rectificación do ano 1984, acusou Sánchez de querer "controlar" o que se publica no Estado español e de querer dar "leccións de verdade". "A maior trola de España é vostede", concluíu Feixoo.

As medidas "fican curtas"

O voceiro do BNG no Congreso, Néstor Rego, afirmou que as medidas expostas por Sánchez "fican curtas". "O problema vai moito máis alá do ámbito da prensa e a solución tamén debe ser máis que os 100 millóns de euros anunciados para a dixitalización dos medios [medida exposta esta cuarta feira polo presidente do Goberno español]", sinalou Rego. "Por certo, existe prensa en galego, eusquera e catalán que tamén ten dereito a contar nas axudas e na publicidade institucional. O contrario é discriminación lingüística", apuntou.

Néstor Rego, voceiro do BNG no Congreso español: "Para cumprir coa Galiza e avanzar en democracia, aquí está BNG; para pactar co PP, non conte connosco"

"Para cumprir coa Galiza e avanzar en democracia, aquí está BNG; para pactar co PP, non conte connosco", engadiu Rego en referencia ao acordo para a renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). "Perden credibilidade", continuou Rego, afeando tamén que PSOE e Sumar prometesen derrogar a Lei da Mordaza e aínda siga vixente.

Lei da Mordaza

Despois de que Sumar anunciase un acordo para derrogar a Lei da Mordaza e de que rectifícase para afirmar que só será modificado un artigo, Yolanda Díaz anunciou que a comisión conxunta entre PSOE e Sumar tamén tratará esta norma. Mentres, Pedro Sánchez apostou por unha reforma desta lei que sirva para que a cidadanía se poida defender das calumnias. 

Ademais, o PSdeG anunciou que exixirá na Cámara galega "a mesma rexeneración democrática" que impulsa Sánchez. Pola súa parte, o Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza solicitou a Sánchez que se reúna cos colexios profesionais de xornalistas para concretar medidas sobre comunicación en beneficio da profesión.

Comentarios