"O fútbol non ten ningún sitio para comportamentos desta natureza": Xibraltar rexistrará unha queixa oficial contra España

"O fútbol non ten ningún sitio para comportamentos desta natureza", denuncia a Federación de Fútbol de Xibraltar tras "inaceptábeis cánticos e cancións" dos xogadores da selección española masculina de fútbol.
Álvaro Morata, Nacho Fernández e Dani Carvajal (Foto: Óscar Ortiz / Europa Press).
photo_camera Álvaro Morata, Nacho Fernández e Dani Carvajal (Foto: Óscar Ortiz / Europa Press).

A Federación de Fútbol de Xibraltar denunciou esta terza feira a "extremadamente provocativa e insultante natureza das celebracións" en torno ao equipo masculino español gañador da Eurocopa 2024.

Así o fixo a institución despois de que a celebración da Eurocopa se vira empapada pola controversia internacional desatada polo cántico de "Xibraltar é español", cualificado polo Goberno de Xibraltar como "rancio e ofensivo".

A asociación reuniuse na mañá desta terza feira para valorar a presentación dunha queixa oficial ante a institución que goberna o fútbol europeo, a UEFA, en relación aos "inaceptábeis cánticos e cancións, relacionados con Xibraltar", cantados polos xogadores da seleccións española após ser gañadores da Eurocopa 2024.

"A Federación de Fútbol de Xibraltar fará unha queixa oficial a UEFA polo comportamento dos xogadores da selección española", anunciou a institución. "O fútbol non ten ningún sitio para comportamentos desta natureza", conclúe o comunicado.

A controversia

A controversia comezou cando o capitán da selección español, Álvaro Morata, durante a celebración, entoou o polémico cántico. O coro foi secundado por numerosos xogadores e por figuras públicas como a infanta Elena e o alcalde de Madrid, José Luis Martínez Almeida, quen foi visto en varios vídeos abrazándose aos xogadores e coreando a controvertida frase.

Rodri Hernández, un dos xogadores que milita na Premier League, foi especialmente criticado pola súa participación no cántico. O seu compañeiro Marc Cucurella tentou moderar a situación lembrándolle: "Que ti xogas en Inglaterra, socio". Con todo, a euforia do momento prevaleceu, e Rodri retomou o cántico, xerando incomodidade visíbel entre algunhas das persoas presentes.

Comentarios