"O Estado Sionista non ten escrúpulos": a Asociación Galicio-Árabe Jenin alza a voz ante a masacre de Almawase

"Asasinaron a máis de 100 persoas civís, deixaron a máis de 200 persoas feridas (todas elas refuxiadas en tendas de campaña) e dispararon desde drons do exército a todo persoal sanitario que intentaba chegar", denuncia a asociación.
Unha muller palestina camiña entre edificios destruídos polo exército israelí en Al-Qarara, Khan Yunis (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).
photo_camera Unha muller palestina camiña entre edificios destruídos polo exército israelí en Al-Qarara, Khan Yunis (Foto: Abed Rahim Khatib / dpa).

Unha vez máis, denuncia a Asociación Galicio-Árabe Jenin, "o exército xenocida do Estado Sionista comete unha masacre contra o campo de refuxiados Almawase, con máis de 80 mil desprazados, na última zona supostamente segura da Faixa de Gaza".

"Asasinaron a máis de 100 persoas civís, deixaron a máis de 200 persoas feridas (todas elas refuxiadas en tendas de campaña) e dispararon desde drons do exército a todo persoal sanitario que intentaba chegar", acrecenta a asociación.

"O Estado Sionista non ten escrúpulos. Comete barbaries que xustifica dicindo que o seu obxectivo era matar a un líder de Hamas (coma sempre). O seu obxectivo final é matar ao maior número de palestinos no castigo máis grande da historia recente sobre unha sociedade civil que loita pola súa liberdade", afirma a Asociación Galicio-Árabe Jenin.

"Desde a Asociación Galicio-Árabe Jenin, facemos un chamamento á sociedade civil, aos partidos políticos e ás autoridades a condenar a barbarie do Estado xenocida de Israel e a reclamar un alto o fogo inmediato, así como a que se xulgue aos responsábeis do xenocidio levado a cabo sobre o pobo palestino", conclúe o comunicado.

"Non hai ningunha zona segura en Gaza"

A respecto desta cuestión pronunciouse dunha forma contundente o máximo responsábel da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA, en inglés), Philippe Lazzarini, ao se facer eco do testemuño dunha nai que perdeu o seu fillo de oito anos nun novo bombardeo contra o campamento de refuxiados, a pasada fin de semana. "Como xa dixemos en repetidas ocasións, non hai ningunha zona segura ou humanitaria en Gaza. Estas designacións son erróneas e enganosas", expresou Lazzarini.

O número de falecidos desde que comezou a sanguenta ofensiva israelí sobre a Faixa o pasado outubro ascende xa a 38.584, aos que se suman outras 88.881 persoas feridas de diversa consideración. E isto no referido unicamente a Gaza, pois na rexión palestina de Cisxordania e na cidade de Xerusalén Leste as vítimas mortais en ataques perpetrados por colonos e militares elévanse a 560.

O novo ataque ao campamento de Al Mawasi, perto de Khan Younis, é "un duro recordatorio de que ninguén está a salvo en Gaza, estea onde estea", salientou Lazzarini, que engadiu: "É hora de recuperar a nosa humanidade común: os habitantes de Gaza son nenos, mulleres e homes que, como ti e como eu, teñen dereito a vivir e a esperar un futuro mellor".

Comentarios