Arranca unha nova lexislatura na Eurocámara: Metsola é elixida presidenta do Parlamento dunha UE cada día máis "irrelevante"

O Parlamento europeo arrancou esta terza feira unha nova lexislatura elixindo como presidenta a deputada maltesa do Partido Popular Europeo Roberta Metsola. Outra integrante deste grupo, a alemá Ursula Von der Leyen, parte como favorita para ser escollida mañá como presidenta da Comisión Europea.

EuropaPress_6091383_16_july_2024_france_strasbourg_eu_parliament_president_roberta_metsola_of
photo_camera Roberta Metsola tras ser elixida presidenta do Parlamento da Unión Europea. (foto: Europa Press)

Roberta Metsola recunca unha lexislatura máis como presidenta do Parlamento Europeo. A súa candidatura contou co apoio de 562 deputados fronte aos 61 alcanzados pola súa rival, a eurodeputada do grupo da Esquerda e militante de Podemos Irene Montero.

A elección de Metsola responde ao pacto de populares, socialdemócratas e liberais para reter o control da institucións comunitarias. As tres familias políticas partillan un mesmo proxecto ideolóxico e programático para a Unión Europea (UE), baseado no neoliberalismo e no atlantismo. Neste sentido, apostan por un modelo económico articulado sobre os criterios do Pacto de Estabilidade e Crecemento e por unha axenda exterior en liña coa dos Estados Unidos de América.

A propia sesión desta cuarta feira é unha boa mostra disto. Esta vai estar centrada en definir novas propostas dirixidas a reforzar a OTAN, intensificar a axuda militar a Ucraína, axilizar o proceso de ingreso dese país na Alianza Atlántica e reprobar as iniciativas de paz para o leste de Europa do mandatario húngaro, Viktor Orbán, que lidera o terceiro grupo en deputados da Cámara con 84 actas.

Von der Leyen

O pleno de mañá da Eurocámara escollerá a próxima presidenta da Comisión Europea. Os populares, socialdemócratas e liberais acordaron propor Ursula Von der Leyen para esa responsabilidade, no marco dun pacto máis amplo que entrega a Presidencia do Consello Europeo ao socialista portugués José Costa e a responsabilidade de política exterior da Unión Europea á liberal estona Kaja Kallas.

Von der Leyen precisa alcanzar 361 votos para manterse no cargo. A política alemá di contar cos 401 deputados que suman os tres grupos que a apoian, mais nas últimas horas desta terza feira coñeceuse que unha parte dos parlamentarios socialistas franceses e italianos así como un grupo de representantes dos populares non apoiarán a súa candidatura. De feito, en 2019 a política alemá xa contou 32 sufraxios menos dos previstos

Os populares europeos buscan nas últimas horas novos apoios para evitar sorpresas. Neste sentido, están mantendo negociacións cos Verdes para lograr os seus votos, algo moi factíbel pola coincidencia deste grupo coa política de Von der Leyen nas cuestións esencias durante a pasada da lexislatura. Na mesma dirección, dialogan coa formación da primeira ministra italiana Giorgia Meloni para sumala a súa gran coalición.

A Comisión Europea ten un complicado escenario por diante. O seu novo mandato arrancará nun escenario marcado polo aumento do malestar coas políticas comunitarias expresado nos pasados comicios cun incremento da representación daquelas formacións máis críticas coa orientación definidas por Von der Leyen e o seu Executivo de concertación neoliberal e atlantista.

A UE perda peso no mundo

A Unión Europea atópase nun proceso acelerado de perda de peso político e económico desde a crise comezada en 2008. Se hai 15 anos, o tamaño da economía da Europa comunitaria superaba nun 10% ao dos Estados Unidos, en 2023 era un 23% inferior. Ao tempo, o Produto Interior Bruto da UE medrou nese período 21% fronte ao 72% dos Estados Unidos e o 290% de China.

O camiño da Unión Europea cara á "irrelevancia" é constatado por maioría dos analistas. Nesta perspectiva, unha enquisa publicada no mes de maio pola asociación Amigos de Europa destacaba que o 49% da poboación dos Estados comunitarios consideraban que “a Unión Europea é irrelevante” e o 64% que a súa vida sería mellor 2de non existir da UE". Ao tempo, 0 47% da mesma consideran que o seu funcionamento "non é democrático".

O novo contexto creado no continente pola guerra no leste de Europa está a colidir de xeito especial na UE. Neste escenario, evidenciouse a subordinación do proxecto comunitario aos Estados Unidos, principal promotor do mesmo desde os seus momentos iniciais nos anos 50 do pasado século, como parte política da Guerra Fría e na altura da denominada “doutrina contención” fronte á Unión Soviética

Comentarios