As novas linguaxes escénicas atopan o seu lugar na MIT de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia chega á súa 41ª edición mantendo intacto o seu obxectivo de ser escaparate das novas linguaxes escénicas sen esquecer o seu papel de festa popular para todo tipo de públicos. 
 
'Zona Franca', da creadora brasileira Alice Ripoll.
photo_camera 'Zona Franca', da creadora brasileira Alice Ripoll.

Apertura ás linguaxes contemporáneas e atención ás propostas internacionais. A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que terá lugar do 19 ao 27 de xullo, quere destacar estes dous motores da súa programación para celebrar a súa 40ª edición que, ademais, marca unha outra efeméride: os quince anos con Roberto Pascual como director.

"Creo que a MIT logrou converterse nun referente en canto a programación do teatro internacional na Galiza e que o noso labor, ademais, vinculou esta dimensión ao cuestionamento dos xéneros e das etiquetas tradicionais", declara Pascual en conversa con Nós Diario. "Na primeira fin de semana de programación, por exemplo, poderán verse espectáculos como Dique, de Nova Galega de Danza, ou Zona Franca, da brasileira Alice Ripoll, que son exemplos de como a danza se foi transformando nos últimos anos, hibridando co teatro e con outros xéneros para mostrar unha visión do mundo propia e atenta ás circunstancias sociais".

No texto de presentación deste 40º aniversario da Mostra, Roberto Pascual refírese precisamente á dupla cara que se busca ofrecer ao mundo desde Ribadavia: "símbolo de prestixio cultural" e defensa dos "valores de liberdade, tolerancia, igualdade e dignidade".

"Recollemos a idea de que o festivo non pode ser equidistante, de que a Mostra é unha festa popular que, ao mesmo tempo, debe ser proactiva na defensa de certos valores nun mundo que está sufrindo moitas fendas democráticas. Espectáculos como Treboada, de Nauta Teatro e Trópico de Grelos, ou como Peixe, dos cataláns Hotel Iocandi, son eminentemente festivos, mais ao mesmo tempo, fannos reflexionar sobre temas que nos concirnen directamente: a crise ambiental que ameaza o planeta ou as consecuencias perversas  da turistificación que sofre unha gran parte do mundo. A festa non ten por que ser incompatíbel coa consciencia", explica Pascual.

Compromiso na escena

Dese compromiso hai numerosos exemplos no programa deste ano: a denuncia que fai a xa citada Zona Franca de Alice Ripoll do réxime do ultradereitista Bolsonaro; a exposición dos conflitos que xera en Chile, entre as asociacións defensoras da memoria das vítimas, a maneira de tratar os restos físicos do réxime militar de Pinochet, en Villa, de Guillermo Calderón; a mirada sobre o racismo no Othelo (termina mal) de Gabriel Chamé e a compañía Buendía Theatre...

"Son espectáculos que, aínda que falan de cuestións aparentemente afastadas, teñen unha resonancia evidente na nosa sociedade: Villa, por exemplo, fala da restitución dos dereitos das persoas que sufriron unha ditadura: evidentemente iso non nos colle tan lonxe", ironiza o director da MIT.

Pascual insiste en que o festival debe ser un lugar de cohesión social e propiciar unha reflexión que contribúa a frear os elementos máis retardatarios da sociedade que queren dar pasos atrás. E nese fío enmarca espectáculos como Iribarne, de Butaca Zero.

"O texto de Esther Carrodeguas é sumamente ilustrativo das carencias democráticas herdadas que lastran a chamada transición", opina Pascual. "E creo que é moi significativo que sexa a obra dunha autora da miña xeración, os que nacemos na década de 1980 e medramos cercados por un relato moi idealizado do final da ditadura que ocultaba as carencias en dereitos democráticos -e aí temos a lei mordaza- ou as prebendas herdadas do réxime das que seguen desfrutando certas elites".

Acompañamento creativo

Ribadavia, por outro lado, insiste na idea de repertorio, no proxecto de afondar en determinadas liñas de traballo que se ven reforzadas por actividades paralelas, coloquios e debates que tentan debullar cales son os novos paradigmas da escena actual.

E dentro desa intención está, como non, o acompañamento creativo ás compañías galegas, e o acubillo ás novas creadoras ás que hai que "dotar de espazo e confianza".

Ademais de Dique, dirixida por unha Marta Pazos que xa colabora activamente coa Mostra desde hai anos, e de Iribarne, dunha Esther Carrodeguas que presentou en Ribadavia as súas obras máis determinantes, a MIT ofrece a oportunidade de asistir a creacións de Nauta Teatro, Nuria Sotelo e Clara Ferrao (Vestirme de ti), Ibuprofeno Teatro (Deadpan Karaoke), Antón Coucheiro (Ciganí 100%), ou Manekineko (Cancións amarelas, flores tristes), ademais de estrear a última produción do Centro Dramático Galego (CDG), Nada se sabe, que consolida a liña de  xerar espazos escénicos cada vez máis inclusivos e diversos.

"A partir da obra do filósofo de Tui (O Baixo Miño) Francisco Sánchez e da adaptación do Filoctetes de Sófocles que fixo Manuel Lourenzo, o espectáculo do CDG, dirixido por Ignacio García e Fran Rei, reflexiona sobre as ideas de diferenza e discriminación, do que a sociedade non sabe ou non quere integrar", desvela.

Outras compañías foráneas de interese que estarán no Auditorio do Castelo tamén son vellas coñecidas do festival: El Pont Flotant con Eclipse total, ou En mitad de tanto fuego, con texto de Alberto Conejero e dirección de Xavier Albertí son dous ilustres exemplos.

Pero ademais, a 40ª Mostra de Ribadavia presta unha especial atención ao teatro para público familiar (Paüra, da compañía Lucas Escobedo, Peixe, de Hotel Iocandi...), ao novo circo (Mute, dos vascos Orian-Bi ou H, dos cataláns-franceses La Corcoles) ou ao clown (coa presentación do primeiro espectáculo para rúa da popular compañía Yllana, Glubs, Morte de risa de Los Galindos, ou o curso de Darkclown impartido pola británica Peta Lily).

"O labor de ir creando complicidades, de acompañar determinadas creadoras na súa traxectoria, responde tamén ao desexo de xerar pensamento, de reflexionar coas compañías e as artistas sobre determinadas cuestións artísticas e sociais que deben ser debatidas", subliña Pascual. E nese saco inclúe un interesantísimo estudo que levará a cabo o Colectivo Foco, entrevistando a xente moza que asista á Mostra. "Trátase de descubrir cales son as motivacións para ir ao teatro desas mozas e mozos que xa non teñen idade para os espectáculos infantís pero que aínda senten os espectáculos para adultos como algo afastado da súa sensibilidade".

Máis en CULTURA
Comentarios