MÁIS

Cambre aínda é castrexo

Hora de honrar a valentía guerreira 'Kaliakoi'
A poboación castrexa e os romanos loitan polas terras de Cambre no Galaicoi. (Foto: Concello de Cambre)
photo_camera A poboación castrexa e os romanos loitan polas terras de Cambre no Galaicoi. (Foto: Concello de Cambre)

O século I caracterizouse polo proceso de "romanización" da Galiza. Durante eses anos, Cambre (comarca da Coruña) converteuse nunha importante mostra da mestura entre a poboación castrexa e a romana. A vila quere seguir a honrar ese pasado celta e por iso enceta a sétima edición da súa Romaría Castrexo Romana Galaicoi esta fin de semana. Cambre busca honrar os guerreiros kalaikoi, famosos pola súa belicosidade contra os romanos e toma así o seu nome  como inspiración para o da súa romaría.

O castro de Soutomaior será o escenario principal, cunha recreación de como eran os poboados castrexos. Mais todo Cambre viaxará ao pasado. As súas rúas serán un gran mercado-feira polo que tamén desfilarán as lexións romanas. Espectáculos, música, recreacións teatrais, xogos tradicionais e actividades para a cativada tampouco faltarán nesta cita. 

Desde a organización animan o público asistente a participar na recreación e pídenlle que escolla un bando -o castrexo ou o romano- e que visiten Cambre caracterizados de tal forma. A romaría comezará esta sexta feira cunha declaración de guerra castrexo-romana e rematará coa correspondente sinatura de paz o último día, fechando os tres días de troula.

Para acompañar esta volta ás nosas orixes, están programadas diferentes actividades para todas as idades. As obras teatrais O sorteo de Cásina e Edipo Rei terán lugar no Parque da Igrexa ás 22 horas o 19 e 20 de xullo, respectivamente. Serán representadas pola Compañía de Teatro Noite Bohemia. A parte musical vén con Pelepau,  que amenizará a verbena a partir das 23 horas da sexta feira.

Comentarios