Sumar matiza que o acordo co PSOE só contempla mudar un artigo da Lei mordaza após anunciar Díaz que a derrogarían

Ambas as formacións que integran o Goberno español comprométense tamén a retirar as subvencións aos medios que vulneren os códigos deontolóxicos.
Pedro Sánchez, María Jesús Montero e Yolanda Díaz nun pleno recente do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, María Jesús Montero e Yolanda Díaz nun pleno recente do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, avanzou esta terza feira que as dúas formacións que integran o Goberno de coalición, PSOE e Sumar, veñen de alcanzar un acordo para "derrogar" a Lei mordaza, no marco do paquete de "medidas de rexeneración democrática" anunciadas recentemente polo presidente, Pedro Sánchez.

Díaz precisou en declaracións aos medios desde Bruxelas que Sánchez comparecerá esta cuarta feira, ás 9 horas, para anunciar as medidas acordadas hoxe polos socios de Goberno. "E tamén unha lei que vai impedir que quen vulneren os códigos deontolóxicos no exercicio do xornalismo serán privados de subvencións e financiamento público", explicou a ministra, en relación á Lei de publicidade institucional.

A derrogación da Lei mordaza era unha das principais aspiracións de Sumar, que xa rexistrou no Congreso unha proposición de lei para reformala, retomando o texto do relatorio que decaeu a lexislatura pasada e que deixaba os aspectos que xeraron discrepancias con formacións como BNG, ERC ou EH Bildu, que demandaban eliminar nesta lei o uso de pelotas de goma —entre outros aspectos—, á negociación entre os grupos parlamentarios.

Santiago matiza: "Múdase un artigo"

Porén, e malia a expectación xerada por Yolanda Díaz, semella que a derrogación proclamada non vai ser tal. A media mañá, o portavoz adxunto de Sumar Enrique Santiago aclarou aos medios desde o Congreso que o anuncio realizado horas antes pola vicepresidenta sobre o acordo co PSOE para a derrogación da coñecida como Lei mordaza vaise limitar, na práctica, á reforma dun artigo para que deixe de ser infracción a toma ou difusión de imaxes en manifestacións.

En rolda de prensa, o tamén deputado de Izquierda Unida explicou que, á marxe do consenso global sobre a reforma da Lei de seguridade cidadá que o PSOE e Unidas Podemos alcanzaron no Congreso na anterior lexislatura, o novo acordo consiste na modificación do artigo 36 desa norma aprobada en 2015 coa maioría absoluta do PP.

En concreto, a redacción que propoñen os dous grupos que integran o Goberno de coalición, estabelece que "non constituirá infracción a mera toma de imaxes en lugares de tránsito público e manifestacións, ou a súa mera difusión" e que "a situación de perigo ou risco certo xerado deberá ser constatábel e reflectirse motivadamente na acta ou a denuncia, e co maior detalle que sexa posíbel".

En calquera caso, destacou o parlamentario de Sumar, calquera modificación da Lei mordaza deberá contar coa aquiescencia dos socios parlamentarios do Goberno estatal, a mesma que non se logrou na anterior lexislatura, dando ao traste co texto acordado entre o PSOE e Unidas Podemos.

Santiago tamén sinalou que Sumar alcanzou un acordo co PSOE para reformar o Código penal para suprimir os denominados delitos de opinión, como as ofensas contra os sentimentos relixiosos, as inxurias ao Rei e ás altas institucións do Estado. Tamén pactaron unha modificación da Lei Orgánica que rexe o dereito á honra para incluír unha "reparación pública" ante procesos xudiciais prolongados no tempo, que ao final non derivan en apertura de xuízo oral e xeran un desprestixio para a persoa afectada.

Comentarios