Pontón sinala a Miranda como a "embaixadora da Galiza en Europa" para "defender con voz propia os intereses do país"

A eurodeputada comprometeu "responsabilidade, ilusión e moito traballo" nesta nova lexislatura para "defender, desde o escano do país, os intereses da Galiza na UE".
Ana Pontón e Ana Miranda, esta terza feira, na sede do Parlamento europeo en Estrasburgo, Francia. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, esta terza feira, na sede do Parlamento europeo en Estrasburgo, Francia. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou esta terza feira á eurodeputada Ana Miranda como "a embaixadora de Galiza en Europa, na defensa dos intereses dos galegos e das galegas nas institucións comunitarias", porque o escano do Bloque, dixo, "é un escano de país" que vai servir para "dar voz a todos os intereses que Galiza se está xogando nas institución europeas". Así o afirmou desde Estrasburgo, onde acompañou Miranda na sesión plenaria de constitución do novo período de sesións do Parlamento europeo, xornada na que destacou a importancia de ter escano galego dende o inicio da lexislatura, algo que non pasaba desde 1999.

Pontón puxo en valor a "experiencia e gran coñecemento" da eurodeputada nacionalista para defender os intereses de todas e todos os galegos en asuntos tan relevantes como o medio ambiente, os sectores produtivos como a pesca e a agricultura, ou tamén para "ser a voz de todas as persoas que queren frear esa bomba ambiental de Altri" para impedir que a "macrocelulosa contaminante" reciba fondos europeos.  

Tamén advertiu que Galiza ten moitos retos que se xoga nas institucións europeas, a comezar por non perder financiamento, cuestión clave a defende ante Bruxelas. De igual xeito, considerou fundamental impedir que se tomen decisións en contra dos intereses dos galegos e das galegas. "Levamos tempo vendo como, por exemplo, no ámbito pesqueiro, no ámbito agrario, se toman decisións que limitan a nosa capacidade produtiva e nós temos dereito a seguir vivindo do noso traballo", alegou. 

Por iso, salientou a importancia de que o país conte cunha "voz directa en Europa desde o primeiro minuto" e que teña "máis forza" grazas ao maior apoio que a formación nacionalista recibiu nas pasadas eleccións europeas. "O máis importante é que este escano vai servir para que Galiza teña unha embaixadora e para que todos e cada un dos asuntos que lle afecten ao noso país teñan unha voz libre para defender os seus intereses", afondou, cunha Ana Miranda "sen ataduras de ningún tipo, nin cos grandes lobbies económicos, nin coas direccións madrileñas nin cos intereses que poidan verse en Bruxelas". "Nós só nos debemos aos galegos e ás galegas e o escano do BNG é un escano de país", subliñou. 

Por último, a líder nacionalista tamén apuntou que o escano galego servirá para construír "outra Europa posíbel", a que defenda a paz, "cunhas relacións internacionais xustas e que non estea subordinada aos Estados Unidos e a OTAN". "Unha Europa que traballe para poñer freo aos xenocidios como o de Palestina", exemplificou.

Pola súa parte, Miranda comprometeu "responsabilidade, ilusión e moito traballo" nesta nova lexislatura para "defender, desde o escano do país, os intereses da Galiza na UE", e coincidiu con Pontón en sinalar aos sectores produtivos ou ao medio ambiente, a comezar pola non á instalación da macro celulosa de Altri en Palas de Rei, e ao Corredor Atlántico.

Non perder financiamento

Así mesmo, subliñou que grazas ao apoio recibido polo BNG nas pasadas eleccións, Galiza poderá ter unha "voz forte" na negociación dos novos fondos de cohesión, fundamentais para facerlle fronte ao declive industrial que vive o país ou para mellorar o acceso á vivenda da xente moza, exemplificou.  

"A nosa voz vai máis aló dos votantes do BNG, porque servirá para defender os intereses de todos os galegos e galegas", destacou, ao tempo que tamén recalcou o papel que  desenvolverá a prol da democracia e das liberdades na UE e dunha Europa da paz dende a que levantar a voz contra o xenocidio de Palestina. "Neste Parlamento, que se presenta moi de extrema dereita, nós seremos unha voz antifascista", concluíu a eurodeputada nacionalista.

Comentarios