O PSdeG critica ao PP por oporse a gratuidade dos libros de texto

O voceiro da executiva do PSdeG Julio Torrado criticou este domingo ao Partido Popular por rexeitar a gratuidade dos libros de texto. Ao tempo, denunciou o ataque ao idioma galego que representa a ABAU proposta polo PP

JulioTorrado
photo_camera O voceiro da executiva do PSdeG Julio Torrado. (Foto: PSdeG).

Julio Torrado lamentou a negativa da Xunta da Galiza a recuperar a gratuidade dos libros de texto. Nesta dirección, criticou que o Goberno galego rexeitase a proposta argumentando que non se pode aplicar o que cualifican de “café para todos”.

O dirixente socialista advertiu da “enorme contradición” na que cae o responsábel da política educativa do Goberno galego, que se nega “sistematicamente” a aceptar que o material escolar estea dispoñíbel de balde ao inicio do curso.

Non lle parecen café para todos os bonos e os cheques regalo que reparten antes das eleccións”, afirmou Torrado referíndose aos populares, quen considerou a educación gratuíta como un dereito.

Unha agresión ao galego

Torrado asegurou que a proposta de ABAU promovida por Núñez Feixoo e asinada por todos os conselleiros de educación do PP representa unha nova agresión á cultura e á lingua galega.

 “Ese é o mesmo Goberno galego que, cando Feixoo chama a asinar unha ABAU única en toda España, que prexudica a Galiza e que fai menos importante o noso idioma, a nosa cultura e a nosa identidade, vai correndo o conselleiro a Salamanca a asinar”, manifestou Torrado. 

Inmigración

O dirixente socialista afeoulle aos populares galegos que, “cando hai que reunir aos conselleiros de toda España para falar de inmigración a conselleira de Política Social asiste á xuntanza por videoconferencia e con certo desprezo”.

“Cando os inmigrantes teñen fillos que marcan goles coa selección ou son xente con moitos cartos, apláudenlles”, aseverou Torrado, pola  contra, “se non teñen cartos ou os seus fillos non nos dan tantas alegrías, o señor Tellado sae a dicir que hai que mandarlles á Armada para que os devolvan á casa”.

O voceiro socialista subliñou que “todas esas contradicións son en realidade unha ideoloxía que se traduce en darlles privilexios aos que xa teñen privilexios, de comprar vontades e de quitarlles dereitos a quen máis o necesitan”.

Comentarios