Clima de tensión nos Estados Unidos: a Policía mata un home perto da Convención Republicana

Joe Biden propón a prohibición das armas de asalto como o rifle semiautomático que foi empregado no intento de asasinato do seu contrincante Donald Trump.
Donald Trump e James David Vance na Convención Republicana (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press).
photo_camera Donald Trump e James David Vance na Convención Republicana (Foto: Mark Hertzberg / ZUMA Press Wire / d / DPA vía Europa Press).

Tres dos axentes de policía destinados para protexer a Convención Republicana que decorre esta semana en Milwaukee (en Wisconsin, EUA), mataron a tiros un home armado cun coitelo que se atopaba perto da sede do evento, mais fóra do perímetro de seguridade estabelecido.

As circunstancias non foron aclaradas, mais transcendeu que unha lea entre dous homes podería ter orixinado o suceso, mostra do clima de tensión cando aínda faltan catro meses para as eleccións presidenciais, con 4.500 axentes de seguridade na Convención Republicana.

Neste contexto, o presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, propuxo a prohibición das armas de asalto como o rifle semiautomático que foi empregado no intento de asasinato do seu contrincante Donald Trump. "Se queres oporte á violencia nos EUA, únete a min para sacar estas armas das rúas", afirmou o mandatario.

Pola súa parte, o ex presidente Trump anunciou que participará nun mitin este sábado xunto ao candidato republicano á Vicepresidencia James David Vance, no que será o seu primeiro acto electoral tras sufrir un intento de asasinato en Pensilvania.

O evento, que decorrerá en Michigan, será tamén a primeira aparición conxunta de Trump e Vance tras ser o senador por Ohio designado como candidato nas eleccións de novembro.

Apoios a Donald Trump

Os ex candidatos e candidatas do Partido Republicano a loitar por chegar á Casa Branca mostraron o seu apoio a Trump na convención da formación en Wisconsin, na que se certificou que formará dupla con Vance.

"Vou votar polo presidente Trump. Somos moito mellores cando somos máis grandes. Somos máis fortes cando acollemos no noso partido persoas que teñen orixes e experiencias diferentes", afirmou a súa principal competidora nas primarias, Nikki Haley.

Así mesmo, nunha convención que centra o escenario mediático destes días, tamén enviaron mensaxes de alento a Trump os ex candidatos Ron DeSantis, Ted Cruz e Vivek Ramaswamy.

Comentarios