As propostas de Sánchez: transparencia no financiamento da prensa, debates obrigatorios e difusión de 'microdatos' das enquisas

O presidente español defende a necesidade de "limitar o financiamento" das administracións públicas para que non haxa "medios de comunicación que teñan máis financiadores públicos que lectores e asegurar que non haxa partidos políticos que compren liñas editoriais co diñeiro de todos os contribuíntes".
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira desde a tribuna do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira desde a tribuna do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ofreceu esta cuarta feira a todos os grupos parlamentarios, coa excepción do ultradereitista Vox, pactar toda unha serie de medidas que axuden a garantir a transparencia, a independencia e o pluralismo dos medios de comunicación para asegurar así unha "información veraz" ás e os cidadáns.

Ante o pleno do Congreso dos Deputados, Sánchez esgrimiu que o que hai que facer é traspor á lexislación española o que exixe o regulamento europeo de medios aprobado hai uns meses, co apoio de todos os grupos parlamentarios —tamén o popular— e coa excepción da extrema dereita, na Eurocámara. "O que se vota en Estrasburgo pódese perfectamente votar en España", sostivo.

Neste sentido, incidiu en que o devandito regulamento expón que "os cidadáns deben coñecer as fontes de financiamento dos medios de comunicación, o nome dos seus accionistas e as cifras de audiencia de forma honesta, para evitar fraudes no investimento publicitario por parte de gobernos da nosa democracia, mediante o uso, por exemplo, de bots ou de clickbaits, e tamén a inxerencia de actores estranxeiros".

Sánchez defendeu a necesidade de "limitar o financiamento" das administracións públicas para que non haxa "medios de comunicación que teñan máis financiadores públicos que lectores e asegurar que non haxa partidos políticos que compren liñas editoriais co diñeiro de todos os contribuíntes".

Para este fin actualizará a Lei de publicidade institucional, aprobada hai 20 anos, "cando se lían máis en papel que en pantalla e non existían as redes sociais". Na mesma liña, impulsará medidas para protexer a independencia editorial e os dereitos dos profesionais dos medios para evitar as presións do ámbito político e empresarial sobre as e os profesionais da información.

Tamén adiantou que o Goberno quere "reforzar os dereitos á honra e á rectificación da cidadanía". "Os medios teñen que ser libres, poder desenvolver a súa propia liña editorial e, á súa vez, os cidadáns teñen que poder defenderse se se verten sobre eles calumnias ou acusacións infundadas", para o que se proporá "unha nova reforma da Lei mordaza", dixo.

Con este paquete de medidas, puntualizou Sánchez, o que se busca en último termo é "reforzar o correcto funcionamento da democracia e a liberdade de expresión" e garantir o dereito a "unha información veraz".

"Evidentemente non é a misión nin a intención do Goberno repartir carnés de fiabilidade entre os medios de comunicación", manifestou, esgrimindo que esa fiabilidade "téñena que dar os cidadáns", pero si é obriga dos poderes públicos "desenvolver o acordado en Europa", salientou, xustificando así as súas propostas.

Enquisas e debates

Por outra parte, o presidente Sánchez propuxo unha reforma da Lei electoral para facer obrigatorios os debates en época de eleccións entre os candidatos e candidatas e para que as casas de enquisas fagan públicos os "microdatos" e a metodoloxía das sondaxes que difunden.

Sánchez insistiu en que o sistema electoral podería beneficiarse de "medidas de maior transparencia", motivo que lle leva a propor aos grupos da Cámara Baixa unha reforma da Lei electoral "cun dobre obxectivo": facer obrigatorios os debates electorais e dotar de máis "transparencia" ás sondaxes.

Iso si, que estas medidas saian adiante "depende dos grupos parlamentarios". "Son medidas, en todo caso, que queremos pór sobre a mesa para dotar de máis transparencia, independencia, pluralismo e de máis protección ao noso ecosistema mediático", proseguiu o xefe do Goberno coa súa explicación.

Comentarios