Traballo avanza na negociación para reducir a xornada laboral tras achegar posturas coa patronal

O presidente da CEOE, Antonio Garamendi, afirma que reducir a xornada suporía "regalar por decreto" case "12 días de vacacións pagas" ao ano polo empresario a cada traballador.
A ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, e o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)
photo_camera A ministra de Traballo, Yolanda Díaz; o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, e o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo. (Foto: Juanma Serrano / Europa Press)

O Ministerio de Traballo e Economía Social reunirase esta cuarta feira, 17 de xullo, con sindicatos e patronal nun novo encontro para avanzar na mesa de diálogo social para reducir a xornada laborar, tras achegar posturas coa CEOE. Esta reunión contará previsibelmente coa presenza dos negociadores habituais de CCOO, UXT, CEOE e Cepyme e, no mesmo, abordarase a proposta que Traballo elevou aos axentes sociais na última reunión, coa que buscaba que a patronal abandonase a súa "folga de brazos caídos", segundo chegou a afirmar a titular deste departamento, Yolanda Díaz.

Estas críticas foron frecuentes nas últimas semanas por parte da titular de Traballo e de UXT e CCOO, xa que en numerosas ocasións acusaron a CEOE e Cepyme de non levaren "ningunha proposta por escrito" á mesa de diálogo social desde que esta comezase en xaneiro deste ano e, ademais, aseguraron que a patronal non clarificou nin sequera que estea a favor de levar o tempo de traballo das 40 horas semanais actuais ás 37,5 horas en 2025 sen reducir o salario.

Esta situación levou o Ministerio a dar á patronal unha semana para presentar as súas propostas por escrito en relación a esta cuestión. Con todo, CEOE e Cepyme non cumpriron coa esixencia do Ministerio encabezado por Yolanda Díaz, polo que desde o mesmo acabaron levando unha proposta á patronal para avanzar na cuestión, que pasa por dar máis marxe ás empresas na distribución irregular da xornada.

Desta maneira, o Ministerio de Traballo propuxo, na última reunión con axentes sociais, que 10% da xornada anual que as empresas poden distribuír irregularmente na actualidade quede referido á xornada que tivesen á entrada en vigor da norma e non á nova xornada reducida. "Iso dá unha maior marxe nas xornadas irregulares que entendemos que poden ser útiles para que as empresas poidan ir cando antes ao módulo novo das 37,5 horas", asegurou o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, que indicou que a medida beneficiaría sectores con ciclos produtivos inconstantes ao longo do ano, como a agricultura ou algunhas actividades relacionadas coa hostalaría.

De igual maneira, o Ministerio incorporou unha nova proposta que consiste nun agravante para aquelas infraccións relacionadas co tempo de traballo que poden provocar danos á saúde dos traballadores.

Pérez Rey afirmou que, neste último encontro entre Traballo e axentes sociais, as patronais ofreceron unha maior concreción das súas propostas, que pasan porque as medidas de flexibilidade non sexan puramente temporais e conseguir unha maior marxe transitoria de adaptación para as 37,5 horas. A este respecto, Yolanda Díaz asegurou estes días que "hai marxe" para alcanzar un acordo na materia e afirmou que non se levantará da mesa até alcanzalo. "Fixemos cousas moito máis difíciles", defendeu a pasada sexta feira.

Garamendi di que a redución suporía "regalar 12 días de vacacións"

Polo seu lado, o presidente da CEOE, Antonio Garamendi, indicou que a patronal podería estar disposta a negociar. "Podemos estar a traballar nestes momentos", indicou Garamendi en relación á redución de xornada durante a Asemblea da CEOE de 2024. Na mesma, recoñeceu que a patronal "segue disposta" a negociar, pero que iso non significaba ter que dicir "sempre" que si. "Non hai nada mais democrático que dicir si cando queres dicir que si e non cando queres dicir que non", expuxo.

A pesar da súa postura máis próxima á negociación, Garamendi asegurou no encontro que reducir a xornada suporía "regalar" por decreto case 12 días de vacacións pagas ao ano polo empresario a cada traballador. "As empresas aguantamos o tirón. Non se canto máis poderemos aguantar", engadiu.

Os sindicatos mobilizaranse se hai bloqueo

Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO, Unai Sordo, avisou de que se a situación se bloquea o sindicato convocará protestas no outono. "Vai haber mobilización sindical sen ningún xénero de dúbidas", recalcou. Tamén se mostrou aberto a negociar a entrada en vigor da redución da xornada laboral se a medida se trasladase a un proxecto de lei este verán, aínda que advertiu de que esta postura non pasa por "demorar ao ano que vén" o recorte do tempo de traballo.

Nesta liña, tanto desde CCOO como desde UXT indicaron que aceptarán flexibilidade nas propostas do Goberno estatal, pero a condición de que os tempos sexan "razoábeis". E o secretario xeral de UXT, Pepe Álvarez, pediu á patronal afastarse da faceta de "martirio" en relación á redución de traballo, pero recoñeceu que desde os sindicatos queren un acordo do que CEOE forme parte.

Comentarios