"Se non hai contratos a xente non cobra": sindicatos exixen a licitación do transporte sanitario non urxente

CIG, CCOO, UXT e USO denuncian o incumprimento do acordado por parte da Consellaría de Sanidade.
Persoal de transporte sanitario non urxente, esta cuarta feira, ante a Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Persoal de transporte sanitario non urxente, esta cuarta feira, ante a Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Arxina)

Organizacións sindicais exixiron esta cuarta feira á Xunta da Galiza a convocatoria dunha "mesa tripartita" para informar "sobre a licitación dos contratos do transporte sanitario non urxente" e advertiron de que, se non reciben "cedo" noticias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), ampliarán as mobilizacións. 

Así o asegurou o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, en declaracións aos medios ao inicio dunha concentración convocada pola CIG, CCOO, UXT e USO ate a sede da Consellaría de Sanidade en Compostela. Segundo explicou Pastoriza, o seu obxectivo é "denunciar os incumprimentos por parte da Xunta da Galiza respecto aos contratos do transporte sanitario non urxente" e resaltar que aínda que "o urxente xa está licitado, o non urxente segue sen funcionar". 

O representante da CIG asegurou ante os medios de comunicación que aínda que a Xunta sacou a licitación varios contratos, estes "ficaron desertos" tras non presentarse ningunha empresa debido á "insuficiente dotación económica". 

Ademais, subliñou que esta situación "repercute no convenio colectivo porque hai unha paga de regularización de máis de 1.700 euros vinculada a que os contratos se adxudiquen", polo que se non se adxudican eses contratos, "a xente non cobra"

Segundo denunciou, o compromiso do Executivo galego era "ter completamente adxudicados os contratos no mes de xullo, para cobrar en agosto", pero "debido á situación actual", van cobrar "en novembro, decembro, ou en xaneiro do vindeiro ano"

Nesta liña, exixiu á Xunta que "faga o que teña que facer e que cumpra os seus compromisos" porque poden licitar con carácter ordinario ou con carácter de emerxencia, "é unha decisión política, se licitan con carácter urxente nun mes está solucionado", afirmou Pastoriza.

"Sen esperanza"

Pola súa parte, o representante de CCOO, Roberto Rodríguez, asegurou que son máis de 1.000 as persoas afectadas por esta situación no transporte sanitario. Igualmente, mencionou que debido a un conflito laboral nunha das áreas, concretamente na de Vigo, a Xunta da Galiza "comprometeuse por escrito" a sentar as tres partes, a social, a empresarial e a Consellaría para "debater e chegar a acordos sobre estas licitacións". 

"Actualmente non hai ningún compromiso, polo que demandamos que cumpran co pactado", explicou Rodríguez para sinalar que, aínda que "hai avances", non teñen esperanza de que a Xunta confirme as licitacións.

Comentarios