Sólodos estreará 'Mover cinzas' en Xunqueira de Espadanedo

A peza está inspirada na vaga de lumes que asolou o país no ano 2006 e que deixou unha profunda pegada na coreógrafa Maruxa Salas.
Eric Jiménez e Maruxa Salas, Sólodos. (Foto: manulago.com)
photo_camera Eric Jiménez e Maruxa Salas, Sólodos. (Foto: manulago.com)

Sólodos, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez, abre este domingo 18 a temporada de estreas do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego cos primeiros pases públicos do espectáculo Mover cinzas. A peza poderá verse no Neveiro do Eirado do municipio de Xunqueira de Espadanedo (Allariz-Maceda) en sesión dupla, ás 19 e ás 20 horas.

Mover cinzas está inspirada na vaga de lumes que asolou o país no ano 2006 e que deixou unha profunda pegada na coreógrafa Maruxa Salas. A cinza aparece como residuo do arrasado, do deserto e da poética do que queda, do que perdura e como se transforma, construíndo a partir dos bosques convertidos en po unha metáfora do rexurdimento.

O lugar escollido para a súa estrea é un antigo neveiro recuperado, unha construción escavada na terra e cuberta con pedra, que se utilizaba para almacenar a neve durante o inverno e aproveitala despois para a conservación de alimentos, para fabricar bebidas xeadas, ou con fins terapéuticos.

Maruxa Salas e Erick Jiménez están á fronte da dirección e das coreografías, nas que contaron tamén coa asistencia do coreógrafo catalán Arnau Pérez de la Fuente. O ourensán John Axiom é o responsábel do espazo sonoro e da composición musical, mentres que Víctor Lopez Carbajales e Manu Lago encárganse da produción e o vestiario é de Adolfo Domínguez.

Ademais, o programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego impulsará outras dúas pezas: Cicatriz, de Kirenia Danza, e Transeúnte, de Daniel Rodríguez, no apartado de artistas emerxentes.

Comentarios