MÁIS

Unha Cova no Miño

A praia fluvial coas mellores vistas da Galiza.
cova
photo_camera A praia fluvial fluvial da Cova, ao paso do río Miño polo Saviñao (Terra de Lemos).

A medio camiño entre os encoros de Belesar (Chantada) e Os Peares (Pantón) atópase a pequena praia fluvial da Cova. Nesta zona, a area aproveita a curva do río Miño ao seu paso polo Saviñao (Terra de Lemos) para crear este paraíso entre os viñedos da Ribeira Sacra. 

As súas tranquilas augas son perfectas para mergullarse e practicar diferentes actividades acuáticas, como o caiac, o paddle surf ou as barcas de remo ou a pedaladas. Na praia hai un servizo de alugamento por horas para practicar estes deportes. O acceso é sinxelo de atopar, cun aparcadoiro a poucos metros. Xa na propia praia fluvial hai un estabelecemento de comidas ao pé do Miño. Así e todo, este recuncho é un espazo imprescindíbel durante todo o ano, xa que presenta fascinantes vistas panorámicas da Ribeira Sacra. Perto da Cova atópase o meandro do Cabo do Mundo, nomeado en diferentes ocasións como o máis impresionante da bacía do Miño. 

As augas do Miño bañan este recuncho máxico da Ribeira Sacra

A contorna tamén ofrece diferentes rutas de sendeirismo que pasan por este punto e son ideais cando o tempo non acompaña. Unha das máis longas e duras comeza na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao) para rematar 37 quilómetros e perto de doce horas despois na Cima de Atán (Pantón). Polo camiño, aparecerán ante nós robustos templos románicos, ermidas e castros. Continuos desniveis moi pronunciados caracterizan este camiño perfecto para facer cando as augas do Miño están demasiado frías como para mergullarse nelas.

Para persoas menos espertas na materia está o roteiro que comeza ao lado da igrexa de San Martiño da Cova, outra xoia románica do Saviñao (Terra de Lemos). Cinco horas para percorrer 11 quilómetros representativos da Ribeira Sacra, pasando por múltiples adegas, aldeas entre as montañas e aínda máis mostras da pegada da arte románica na Galiza. Trátase dun roteiro circular de dificultade moderada, perfecto para realizar durante todos os meses do ano.

Miradoiro de Cabezoás

Atópase en Parada de Sil (Terra de Caldelas) e é un dos máis populares da Ribeira Sacra grazas a que posúe unhas vistas privilexiadas do meandro Coto das Boedas e a que se atopa nun dos puntos máis profundos do Canón do Sil. O miradoiro está formado por unha pasarela de madeira e unha plataforma para observar mellor o río. 

Fervenza de Augacaída

Trátase dunha impresionante fervenza de 40 metros de altura agochada nun bosque de castiñeiros e carballos, en Marce (Terra de Lemos). Desde o ano 2016, o acceso á fervenza está acondicionado con tramos de escaleiras. O salto de Augacaída atópase perto da desembocadura das augas do Sil no Miño. 

Santa Cristina de Ribas de Sil

A súa existencia está documentada desde o século IX e, durante a Idade Media, foi un dos mosteiros máis importantes da Ribeira Sacra. Este conxunto, formado polo mosteiro e a igrexa, ten unha posición privilexiada no medio dunha carballeira na beira do Sil. Ambas as dependencias son de estilo románico e presentan ausencia de ornamentación, característica propia deste estilo. Non obstante, posúe unha harmonía espectacular coa contorna. A planta de cruz latina e a entrada coroada por tres arcos son algúns dos elementos máis destacábeis do conxunto. 

Comentarios