Kundo Krunch e Lucas Varela visitan Viñetas desde o Atlántico

A nova xornada do Salón Internacional do Cómic da Coruña abrirá esta cuarta feira, 14 de agosto, coa visita ás exposicións de Kundo Krunch e Lucas Varela no Kiosco Alfonso para público profesional, quen tamén poderá asistir a un taller de BD con Xulia Vicente e a unha visita á exposición de Genie Espinosa guiada pola propia autora no Palacio de María Pita

Exposición de Jorge Campos en Viñetas desde o Atlántico
photo_camera Exposición de Jorge Campos en Viñetas desde o Atlántico

Genie Espinosa e Jorge Campos protagonizan o Viñetas Late Night desta cuarta feira, 14 de agosto, ás 21.30 horas, no Teatro Colón, na terceira xornada de Viñetas desde o Atlántico 2024, na que o cinema fará de novo a súa aparición, tamén no Colón, coa proxección do filme para todos os públicos Rebelión na granxa.

A nova xornada do Salón Internacional do Cómic da Coruña abrirá ás 10 horas coa visita ás exposicións de Kundo Krunch e Lucas Varela no Kiosco Alfonso para público profesional, quen tamén poderá asistir a un taller de Linguaxe narrativa na BD con Xulia Vicente e a unha visita á exposición de Genie Espinosa guiada pola propia autora, ás 17 horas, no Palacio de María Pita.

Tamén no marco de Viñetas Mini, os Contacómics de Pablísimo, para nenos de 3 a 6 anos, visitarán, ás 11 horas, a Biblioteca da Sagrada Familia, mentres Jorge Campos, Tonecho Otero e Irene Sanjuán impartirán obradoiros infantís no Ágora e no Fórum, ás 12 horas.

A Rúa da BD -que permanecerá aberta de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas- acollerá diferentes presentacións de libros ao longo de toda a xornada, ademais do faladoiro A banda desenhada em Portugal, con Marcos Farrajota, da prestixiosa editorial lusa Chili Com Carne, que visita por primeira vez Viñetas desde o Atlántico.

No Kiosco Alfonso, ás 18 horas, os autores convidados de Viñetas 2024 Genie Espinosa, Lucas Varela, Kundo Krunch e Jorge Campos firmarán exemplares dos seus libros, mentres que na Rúa da BD, nas casetas das diferentes editoriais, sucederanse as sinaturas de figuras como Marina Sáez, Jordi Bayarri ou Xulia Vicente, entre outras.

Ao longo do día, o público poderá gozar das distintas mostras de Viñetas Expo nas sedes oficiais do festival. 

Comentarios