Parlamento

O PP rexeita que Rueda compareza para explicar o sobrecusto de 470 millóns na construción do Cunqueiro

A proposta do BNG tivo o apoio de PSdeG e DO, pero foi tombada pola negativa dos populares.
Alfonso Rueda (Foto: Arxina).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Arxina).

A maioría absoluta da que goza o PP no Parlamento da Galiza tombou esta cuarta feira a petición do BNG para que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, comparecese nun pleno extraordinario para explicar o sobrecusto de 470 millóns de euros apuntado nun informe do Consello de Contas na construción do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A Deputación Permanente da Cámara, órgano entre período de sesións, reuniuse esta cuarta feira a proposta do Bloque para debater a posibilidade de convocatoria dun pleno centrado no modelo escollido polo Goberno galego para a construción do hospital vigués, obxecto dun informe de Contas no que cuestiona o sistema elixido, que vincula a un incremento dos custos de 470 millóns por optar por un contrato de concerto.

A proposta da formación frontista, defendida pola deputada Montse Prado e apoiada por todos os grupos da oposición —xunto ao BNG votaron a favor o PSdeG e mais o deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea— foi finalmente rexeitada pola postura do PP, cuxo portavoz, Alberto Pazos Couñago, acusou as nacionalistas de empregaren "de forma espuria" o regulamento parlamentario para usar a Deputación Permanente como un "altofalante" para "xerar alamar social".

Pazos aseverou que o informe de Contas "non sinala nin unha soa irregularidade" máis aló de "analizar" os dous modelos de financiamento da obra polos que puido optar a Xunta nun contexto, salientou, "de crise económica" que "non impediu" que se construíse "en tempo récord" un dos "mellores hospitais de Europa".

O documento publicado a comezos deste mes de agosto polo Consello de Contas sinala que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como fixo a Xunta nun contrato de concerto —durante o mandato de Alberto Núñez Feixoo—, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros, IVE incluído.

Na liña do manifestado a pasada semana polo presidente galego, Pazos Couñago defendeu que o modelo de "colaboración público-privada" elixido permitiu erguer o hospital vigués nun momento de "crise económica" e trazou un paralelismo coa "hipoteca dunha familia" para adquirir unha casa. "Calquera galego sabe que é máis barato adquirir a súa vivenda con medios propios que recorrer a créditos bancarios", sinalou o portavoz dos populares, que, a cotinuación, explicou que os cidadáns recorren ás hipotecas "porque priorizan ter un teito para a súa familia antes que eternizar" o proceso de compra.

Para Pazos, esta foi a máxima que seguiu o Goberno galego entón presidido por Feixoo para a construción do Álvaro Cunqueiro, inaugurado no ano 2015, o que o levou a acusar de "hipócritas" a BNG e PSdeG por "contemplaren" este modelo de colaboración público-privada para a execución do mesmo hospital durante a súa etapa na Xunta nos anos do bipartito.

No remate da súa quenda de palabra, Pazos Couñago cualificou de "esperpento" os grupos da oposición. "A estas alturas temos claro que non podemos contar con vostedes, pero polo menos non estorben", apostilou, antes de dirixirse á deputada do BNG para espetarlle que, ao seu xuízo, ten "a mesma credibilidade" cando fala sobre asuntos sanitarios "que cando afirma que está orgullosa do sistema electoral do señor [Nicolás] Maduro".

O BNG fala de "estafa"

Previamente Prado incidira na importancia de que Rueda acudise á Cámara para "dar a cara" sobre a situación revelada polo Consello de Contas, que xerou "unha alarma" entre a sociedade "que se suma á alarma pola situación da sanidade pública" na Galiza. Para a portavoz do BNG en materia sanitaria, a construción do Cunqueiro foi "un ruinoso negocio para as arcas públicas e un magnífico negocio para as empresas" polo emprego dun "escandaloso" modelo de financiamento no que a Xunta deberá abonar un canon por un período de 20 anos que suporá "un beneficio de 76%" para a concesionaria.

Prado preguntouse "que empresa obtén" unha marxe de beneficio desa magnitude por un negocio, o que a levou a sentenciar que o modelo foi escollido de forma "premetidada" por razóns "políticas e ideolóxicas" por parte do PP dentro da súa lóxica "neoliberal", a fin de que a empresa "non asumise nin un só risco" económico e estes recaesen de forma exclusiva na Administración galega.

"O modelo escollido nunca tivo como obxectivo converter o Cunqueiro nun hospital punteiro ou dar cobertura ás necesidades da área sanitaria de Vigo. Foi puro e duro neoliberalismo para dar negocio ao capital", remarcou a deputada nacionalista, que puxo o acento en que a redución das dimensións do hospital ou o seu aparcadoiro non supuxo unha modificación do canon a pagar pola Administración, á vez que aseverou que o sobrecusto apuntado por Contas de 470 millóns permitiría "a contratación de 250 médicos de familia durante 20 anos".

Besteiro ve "intereses privados" antes que públicos

Pola súa parte, o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, José Ramón Gómez Besteiro, reiterou na súa intervención ante a Deputación Permanente que o desvelado por Contas "certifica" as denuncias feitas "durante anos" polo PSdeG, "a pesar de ser repetidamente desacreditados e cualificados de mentireiros polo PP".

Para o máximo responsábel dos socialistas galegos, Contas "dá a razón" ao seu partido ao "demostrar" que o contrato de concesión "non só foi máis caro, senón que tampouco ofreceu ningunha vantaxe en termos de eficiencia ou calidade para a cidadanía", polo que, como fixera antes Montse Prado, reclamou que se proceda á reversión do contrato coa empresa adxudicataria, do que restan 10 anos para a súa finalización.

"Cando o PP fala de sanidade, os especuladores fregan as mans. Se por vostedes fose serían capaces de privatizar as Cíes", espetou Besteiro, que asegurou que co "diñeiro malgastado" pola Xunta na construción do Cunqueiro o Sergas "podería ter máis de 20 novos centros de saúde ou contratar 600 enfermeiras ou 450 médicos". Así as cousas, o socialista denunciou que a xestión do PP fixo que Vigo teña "un hospital máis caro e máis pequeno" do inicialmente previsto, "porque se tivese as dimensións proxectadas non habería que desviar pacientes a Povisa".

Tamén interveu ante a Deputación Permanente o único deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea (Democracia Ourensá), que manifestou o seu apoio á convocatoria do pleno extraordinario como mecanismo para que o máximo responsábel do Goberno galego "teña a oportunidade de dar explicacións" a respecto do sobrecusto sinalado por Contas.

Comentarios