Parlamento

O BNG demanda unha comparecencia "urxente" de Rueda polo "sobrecusto" do Cunqueiro

Montse Prado asegura que o presidente da Xunta "ten que dar conta das medidas que vai tomar para rematar con esta estafa planificada e executada polo Partido Popular".
Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)
photo_camera Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. (Foto: Y. C. M.)

O BNG reclamará a comparecencia no Parlamento galego do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para que "dea explicacións" sobre o proceso de adxudicación e o "sobreprezo" do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. As nacionalistas trasladarán esta cuarta feira a petición na reunión da Deputación Permanente do Parlamento convocada despois de ser solicitada de urxencia por esta mesma formación unha vez transcendeu o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do hospital vigués publicado polo Consello de Contas, no que se constata un custo adicional de 470 millóns de euros na súa construción.

A portavoz de Sanidade do Bloque, Montse Prado, asegura que o presidente da Xunta "ten que dar conta das medidas que vai tomar para rematar con esta estafa planificada e executada polo Partido Popular", ao que acusou de mostrar "a súa peor faciana ao servizo dos poderosos e dos sectores económicos a conta da saúde e dos petos dos galegos e das galegas".

Para Prado, o modelo sanitario do PP está "asentado en converter en negocio a atención sanitaria a beneficio das empresas privadas de fóra da Galiza, de fondos de investimento que parasitan máis e máis o noso sistema sanitario". A deputada nacionalista denuncia ademais "unha redución da superficie hospitalaria que ten incidencia tanto na fase de construción da infraestrutura como no custo da prestación dos servizos, sen que se reducise o prezo do contrato".

Advirte que a fórmula de actualización contida no prego "non distinga un importe fixo destinado a recuperar os custos da construción do hospital e pola contra lle aplique un importe variábel de revisión de prezos que só debería ser aplicado aos custos de explotación da prestación dos servizos”.

Desde o BNG tampouco entenden "que haxa un aumento continuado do canon que se estabeleceu nun custe máximo de 56 millóns e que no último ano fiscalizado xa ascendía a 71 millóns, nin que o Álvaro Cunqueiro sexa propiedade da concesionaria até 2035", xa que, segundo Prado, "isto permítelle facer caixa".

Todo isto, engaden, sucede nun contexto "no que xa se lle tiñan feito recortes aos salarios e ás condicións e aos dereitos dos profesionais, dereitos que aínda non foron recuperados". A "redución de servizos e de camas" fai que "miles de persoas da área sanitaria de Vigo non dispoñan de atención hospitalaria na sanidade pública e teñan que recibir asistencia na sanidade privada", lamentou Prado, para engadir que "unha das máximas preocupacións dos galegos e galegas é a situación da tremenda deterioración da sanidade pública, que está a xerar unha auténtica alarma social que se acrecenta con cada nova información que se coñece", en referencia ao informe do Consello de Contas sobre a fiscalización da concesión do hospital.

Nun enfoque máis amplo de "continuos recortes na sanidade pública galega", Prado asegura que con eses 470 millóns de euros o nosos sistema sanitario "podería ter renovado o parque tecnolóxico con 50 TACS, 89 resonancias magnéticas, 100 mamógrafos", así como ter contratados durante 20 anos "250 médicos de familia".

É por iso que a celebración da Deputación Permanente, solicitada polo BNG, "é máis que imprescindíbel para que acorde a comparecencia do presidente da Xunta e dea explicacións" sobre o "prezo adicional que temos que pagar os galegos e as galegas", concluíu.

Comentarios