A xenética identifica os restos máis antigos dun personaxe da Galiza: Teodomiro, o bispo que "descubriu" o apóstolo Santiago

Segundo a lenda apostólica, o ermitán Paio recorreu ao bispo Teodomiro após presenciar unha choiva de estrelas que descendía sobre un campo ao que se dirixiu e onde atopou un antigo mausoleo. Teodomiro, responsábel dun dos poucos bispados que operaban na península após a entrada musulmá de comezos do século VIII, determinou, grazas a unha revelación despois de tres días de meditación e xaxún, que aquel mausoleo localizado por Paio albergaba os restos de Santiago o Maior, discípulo de Xesucristo.

O Pórtico da Gloria durante unha visita guiada nocturna na Catedral de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera O Pórtico da Gloria durante unha visita guiada nocturna na Catedral de Santiago. (Foto: Arxina)

Após séculos nos que se puxo en dúbida a propia existencia do bispo de Iria Flavia —Padrón (comarca do Sar)—, o arqueólogo Manuel Chamoso Lamas localizou en 1955 nunha necrópole situada baixo a Catedral compostelá unha lápida atribuída a Teodomiro que databa a súa morte no ano 847 d.C., segundo lembra a Fundación Catedral nun comunicado no que informou das conclusións do estudo internacional liderado polo arqueólogo compostelán Patxi Pérez Ramallo.

Os primeiros estudos, que identificaron os restos que repousaban neste sepulcro cos dun home falecido a idade avanzada, foron postos en dúbida na década de 1980 após se realizar novos exames que suxerían que correspondían a unha muller e, por tanto, non se trataba do bispo.

Segundo a lenda apostólica, o ermitán Paio recorreu ao bispo Teodomiro após presenciar unha choiva de estrelas que descendía sobre un campo ao que se dirixiu e onde atopou un antigo mausoleo.

Teodomiro, responsábel dun dos poucos bispados que operaban na península após a entrada musulmá de comezos do século VIII, determinou, grazas a unha revelación despois de tres días de meditación e xaxún, que aquel mausoleo localizado por Paio albergaba os restos de Santiago o Maior, discípulo de Xesucristo.

O bispo puxo o asunto en coñecemento do rei Alfonso II -coñecido como Galletiarum principis (“príncipe das Galizas”) e educado desde a infancia en terras galegas, onde adquiriu a súa formación cultural e relixiosa no ambiente culto do ambiente monacal de Samos-, que ordenou a construción dunha igrexa na contorna do cadaleito, inicio de tradición de peregrinación ao que hoxe é Compostela coa ruta coñecida como o Camiño Primitivo.

Probas de perfil xenético

O avance da tecnoloxía permitiu que, máis de medio século despois da localización do sepulcro por Chamoso Lamas, unha investigación internacional encabezada por Patxi Pérez Ramallo, da Universidade Norueguesa de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) en colaboración co Instituto Max Planck de Xeoantropología e a Universidade de Estocolmo, entre outras, permitise concluír que aqueles restos corresponden a Teodomiro.

Así, os estudos permiten soster aos investigadores que a tumba contén os ósos dun só individuo, que falecería con 45 anos ou máis no ano 847 d.C., co que concordaría coa inscrición do sepulcro localizado na cripta da basílica compostelá.

Ademais, os isótopos estábeis de osíxeno analizados tamén levan os investigadores a afirmar que o individuo residiu perto da costa, coincidindo coa localización de Iria Flavia, localidade do concello de Padrón próxima á desembocadura do río Ulla que dá forma á ría de Arousa.

O estudo arqueoxenético feito polos expertos da Universidade de Estocolmo concluíu o perfil xenético desviábase de forma lixeira do dos europeos modernos e mostraba unha liña máis próxima á dos iberos romanos e das poboacións islámicas ibéricas.

Aínda que é difícil autenticar a identidade de alguén de hai 1.200 anos, este estudo presenta probas que concordan coa identidade do bispo Teodomiro. Os achados suxiren que estes restos poderían pertencerlle, o que convertería este bispo no personaxe histórico identificado máis antigo da Galiza (así como do conxunto do Estado español) e un dos máis antigos de Europa.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios