A Catedral de Santiago conclúe a reordenación do espazo da Capela das Reliquias e do Panteón Real

O Panteón Real reúne unha serie de enterramentos de reis e personaxes influentes do Reino da Galiza.
Panteon Real da Catedral de Santiago.
photo_camera Panteon Real da Catedral de Santiago.

A Fundación Catedral de Santiago rematou os traballos de reordenación museográfica do espazo sagrado formado pola Capela das Reliquias e o Panteón Real, un lugar "de grande importancia histórica e artística no conxunto catedralicio" e que forma parte do percorrido da visita do museo.

En concreto, levouse a cabo o proxecto de reordenación museolóxica e museográfica, que permitiu renovar a sinalización e outros elementos expositivos, e instalou un novo sistema de iluminación, máis artístico e eficiente, a partir dun proxecto de Ignacio Valero, que dirixiu o novo sistema de iluminación da basílica xacobea, realizado en 2020.

Paralelamente, e grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a través dos seus premios sobre o Reino Medieval da Galiza, púxose en marcha un proxecto de posta en valor do Panteón Real. Editouse un libro, con textos de varios autores expertos, e un folleto para o público visitante; programouse unha páxina web; realizáronse nove vídeos divulgativos; e elaborouse un proxecto educativo, orientado a escolares e adultos.

O Panteón Real

A Capela das Reliquias é un dos espazos máis singulares da Catedral. Desde o século XVI alberga o coñecido como Panteón Real, por reunir unha serie de enterramentos de reis e personaxes influentes do Reino da Galiza. Neste espazo atópanse as tumbas de Fernando II (1137-1188), de Afonso VIII (IX) (1171-1230) e da raíña Berenguela (1108-1149), nai de Afonso VII, a quen Xelmírez coroou rei da Galiza en 1111.

Tamén están soterrados o conde Raimundo de Borgoña (1065-1107), marido de Urraca, filla de Afonso VI, a quen sucederá no trono (aínda que hai estudosos que cren que este sepulcro corresponde en realidade ao infante Fernando, fillo de Afonso VIII) e do conde de Traba, Pedro Froilaz (1075-1126), e Xoana de Castro, nobre galega que se converteu en raíña de Castela polo seu matrimonio con Pedro I.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios