Ares lembra a fuxida do bou 'Ramón' no seu 85º aniversario

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol organiza, do 10 ao 17 de agosto, unha serie de actos para conmemorar a fuxida que salvou 27 vidas dunha morte segura.
Fuxida do bou Ramón, en Ares, obra de Miguel Couto Coutelo.
photo_camera Fuxida do bou Ramón, en Ares, obra de Miguel Couto Coutelo.

A noite do 20 de xullo de 1939, en Ares, vinte e sete republicanos da comarca de Ferrol que levaban tres anos agochados en diversos lugares para evitar a morte a mans do terror fascista conseguiron poñerse a salvo no bou Ramón e, coa súa tripulación, iniciaron unha fuxida que os levaría, despois dunha grande odisea, ao porto francés de La Rochelle.

Os dez mariñeiros que compuñan a tripulación do pesqueiro regresaron a Ares, mentres que e os 27 fuxidos -entre os que se encontraba o ex alcalde socialista de Ferrol Antonio Santamaría López- foron internados no campo de concentración de Le Barcarés, na costa mediterránea.

A partir de aí cada un orientou a súa vida como mellor puido. Moitos deles víronse inmersos na Segunda Guerra Mundial, que comezaría inmediatamente, e durante ditadura franquista que asoballaría o Estado español durante máis de 40 anos. Algúns deles uniríanse logo á guerrilla, como Luís Abella Beade ou Manuel Gómez Varela, "Fera Brava". Foi unha historia de sacrificios e de solidariedade entre familias, veciñanza e, sobre todo, mulleres, que tiveron un papel fundamental para que os 27 puidesen salvarse da barbarie dos golpistas.

No 85º aniversario daquela evasión, a Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol, coa colaboración da Asociación Amigos Mosteiro de Santa Catalina e do Concello de Ares, organiza, do 10 ao 17 de agosto, unha serie de actos para conmemorar a fuxida que salvou as vidas dos 27 dunha morte segura.

Unha exposición fotográfica no mosteiro de Santa Catalina que estará patente do día 10 ao 17, será o epicentro dos actos, mais tamén se poderá asistir a un coloquio que debullará os detalles daquel episodio, que contará coa presenza e o testemuño de familiares dos protagonistas. Ademais, proxectarase un vídeo sobre a épica aventura dos fuxidos.

A música que proverá a Asociación Xábrega de Ares animará a fin da xornada.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios