París 2024 | Boxeo

Nova medalla para Galiza: Enmanuel Reyes Pla pasa a semifinais e asegura o bronce... mais vai a polo ouro

O púxil galego derrotou en cuartos de final o belga Victor Schelstraete nun combate no que foi claramente superior nos tres asaltos.
Enmanuel Reyes Pla, no ring esta quinta feira. (Foto: Y. C. M.)
photo_camera Enmanuel Reyes Pla, no ring esta quinta feira. (Foto: Y. C. M.)

Enmanuel Reyes Pla derrotou esta quinta feira o belga Victor Schelstraete e xa está en semifinais da categoría de 92 kg, o que significa que xa ten asegurado o ansiado metal: gañe ou perda, subirá ao podio, pois no boxeo olímpico os dous derrotados nas semis obteñen automaticamente un bronce compartido, sen necesidade de loitar por el nun último combate. Pero non abonda para o boxeador galego-cubano, que chegaba a estes Xogos Olímpicos coa máxima ambición.

O seu único obxectivo é voltar á Coruña coa medalla de ouro despois de ficar fóra da loita polos metais en Toquio 2020, cando o xurado deu como vencedor aos puntos o cubano Julio César La Cruz, unha decisión coa que se mostrou abertamente desconforme. E as súas opcións medraron significativamente cando viu como caían por sorpresa na primeira rolda os que posibelmente eran os seus dous grandes potenciais rivais: o propio La Cruz, que alén do seu último verdugo foi o vencedor tanto en Toquio como en Rio 2016, e o italiano Aziz Abbes Mouhiidine, o segundo no ránking de pesados, alén de ouro europeo e prata mundial.

E saíu a por todas Reyes Pla. Subiu ao ring moi motivado, demostrando que veu a París a por todas, e levou a iniciativa no primeiro asalto, buscando golpes certeros e esquivando os do belga, máis preocupado por agarrar o púxil galego para evitar a enxurrada de ataques que de golpear. Así o interpretaron tamén os xuíces, que o deron como vencedor deste asalto por decisión unánime.

No segundo round, máis do mesmo. Bo xogo de pés, bo traballo esquivando e buscando a cabeza de Schelstraete, visibelmente mermado pola fantástica ofensiva de Reyes Pla, quen rematou este novo asalto practicamente impasíbel, sen encaixar apenas golpes do seu opoñente. Vitoria de novo, desta vez por decisión dividida do xurado (3-2).

E neste escenario chegamos ao derradeiro asalto, bailando como el sabe no ring para esquivar e golpear. Xa dicía antes de viaxar a París que o seu maior rival é el mesmo e que se está nun bo estado de forma non hai quen o pare. E abofé que está a ser así. O belga pasou ataque á desesperada, moi canso xa, no último round, pero apenas atinou a golpear un soberbio Reyes Pla que volveu marcar o ritmo. Soubo manter a distancia nos segundos finais e evitando que Schelstraete o tocase. Triunfo máis que merecido por decisión final unánime do xurado (5-0).

Comentarios