Ao remeiro noiés Caetano Horta escapóuselle esta cuarta feira o ansiado pase á gran final polas medallas do dobre scull lixeiro nunha regata na que el e o seu compañeiro de bote, o catalán Dennis Carracedo, foron de menos a máis. Empezaron moi fortes, pasando o primeiro corte terceiros —garantindo así a clasificación— e practicamente á par coa embarcación de Grecia e perto da de Italia, mais pouco a pouco fóronse descolgando e no treito final non puideron aguantar o alto ritmo que marcaban gregos, italianos e noruegueses, que se acabaron coando como terceiros.
Foi unha regata lenta e co vento en contra, unhas condicións coas que Carrecedo e Horta non se sentiron demasiado cómodos, tal e como admitiu o noiés en conversa con Nós Diario após certificar unha dura derrota que asume sen paliativos. "As sensacións de hoxe non foron moi boas. Viñamos aquí a por todas e sentimos que non puidemos loitar nesta semifinal", dixo.
Agora aspirarán ao diploma olímpico na final B que dará comezo ás 11.06 horas de mañá e na que terán como rivais os botes de Arxentina, Ucraína, Francia, Bélxica e México. Só franceses e belgas marcaron mellores tempos nas semifinais que a embarcación do galego. Non será a medalla que augurou ante os seus veciños e veciñas cando recibiu o pasado maio a Medalla de Ouro do Concello de Noia —"o 2 de agosto será un antes e un despois porque gañarei a miña primeira medalla olímpica"—, pero é un premio en absoluto menor.
Tamén cun diploma regresou de Toquio hai tres anos un novísimo Caetano Horta que acababa de alcanzar a maioría de idade —daquela co tamén catalán Manel Balastegui como compañeiro no bote—. E habendo aínda tanto en xogo, o remeiro evita baixar os brazos e pensa xa en voltar a Noia con ese diploma: "Haberá que recapacitar e ver en que fallamos de cara a mañá. O de Toquio foi algo similar a isto e logo gañamos a final B. Espero repetilo", sentenciou.
Conexión París-Noia: toda a vila apoiou un dos fillos pródigos
Practicamente toda Noia estivo pendente do que acontecía en Vaires-sur-Marne esta cuarta feira cun dos seus fillos pródigos. Unha multitude desprazouse até o Coliseo Noela para seguir a regata en directo e mostrar o seu apoio, desde a distancia, a Caetano Horta, quen a pesar de ficar estes días máis afastado do móbil non é alleo a isto.
"Intento manterme un pouco á marxe das redes e de todo, porque os días pasan moi rápido e teño que estar concentrado, pero si que noto o apoio. Os meus pais pásanme fotos e sinto o cariño de toda a xente", afirma Horta a este xornal.
En Noia agardan tamén con ilusión a maratón masculina do próximo 10 de agosto, na que participará o seu veciño Tariku Novales, actual plusmarquista estatal nesta disciplina do atletismo.