Cambio climático: O verán meteorolóxico no hemisferio norte foi o máis cálido rexistrado

2024 estase a perfilar como o ano máis quente detectado.
Antiga construción emerxida ante a seca extrema en Málaga. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Antiga construción emerxida ante a seca extrema en Málaga. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

O director do Servizo de Cambio Climático Copernicus da Unión Europea (UE), Carlo Buontempo, dubidaba sobre se 2024 se convertería no ano máis cálido nunca rexistrado posto que agosto de 2023 superou amplamente o agardado.

Porén, agora está “bastante seguro” logo de que a sexta feira a entidade confirmara que o verán meteorolóxico boreal (desde o 1 de xuño até o 31 de agosto) foi o máis quente detectado por apenas 0,03ºC de diferenza co do pasado ano.

Ademais, a temperatura media mundial dos últimos 12 meses foi a máis alta rexistrada nun período similar, 0,76ºC por riba da media entre 1991 e 2020 e 1,64ºC máis que a da era preindustrial (1850-1900).

O límite marcado pola comunidade internacional para evitar os efectos máis devastadores do quecemento global é de 1,5ºC por diante da media preindustrial, o que confirma o fracaso até o de agora na implementación de medidas para combater o cambio climático. 13 dos últimos 14 meses a temperatura media colocouse por diante deste limiar.

“Todo isto tradúcese en máis miseria en todo o mundo”, resolveu Jonathan Overpeck, científico da Universidade de Michigan, ao tempo, Stefan Rahmstorf, homólogo do Instituto de Investigación Climática de Potsdam, subliñou que estas cifras indican “como a crise climática está a apoderarse de nós”.

O cambio climático está causado maioritariamente polo uso de combustíbeis de orixe fósil e os seus efectos máis graves os están a padecer os países de menos recursos.

Só no continente europeo a calor matou 47.000 persoas en 2023, estima un estudo publicado na revista científica Nature Medicine.

Comentarios