Andrii Sybiha substitúe Kuleba como titular de Exteriores na renovación do Goberno de Zelenski

A OTAN, preocupada polo interese turco nos Brics.
Andrii Sybiha (dereita), novo ministro ucraíno de Exteriores. (Foto: Ministerio de Exteriores de Ucraína).
photo_camera Andrii Sybiha (dereita), novo ministro ucraíno de Exteriores. (Foto: Ministerio de Exteriores de Ucraína).

O Parlamento ucraíno aprobou a quinta feira a designación do ex diplomático Andrii Sybiha como novo ministro de Exteriores en substitución de Dmytro Kuleba, que presentara 24 horas antes a súa dimisión no marco dunha vaga de renuncias no Executivo de Volodimir Zelenski, que sinalara con anterioridade que preparaba unha renovación no Consello de Ministras e Ministros.

Ademais, prevíase que ao longo da xornada a Cámara tamén validara o resto de propostas. Kuleba converteuse tras o mandatario na autoridade ucraína máis representativa no terreo internacional.

Pola súa parte, os Estados Unidos acusaron Rusia de inxerir na campaña das eleccións presidenciais que decorrerán en novembro, e o Departamento de Xustiza asegurou que é a principal ameaza aos comicios e presentou un caso contra dúas persoas que traballan na canle pública rusa RT, ás que inculpa de financiar con arredor de nove millóns de euros unha empresa de creación de contidos en territorio estadounidense para facer publicacións favorábeis aos intereses de Rusia.

Medios internacionais revelaron que os datos divulgados por Washington coinciden de forma exacta coa compañía Tenet Media, da que un dos seus divulgadores, o conservador Tim Pool, cualificou o presidente ruso Vladimir Putin de “lixo”. Asemade, Washington incautou 32 dominios de internet que alega foron usados por Rusia para difundir suposta propaganda.

Sexa como for, está comprobada a reiterada inxerencia estadounidense na política e nas eleccións de múltiples países, como foi o caso de Italia cada vez que as enquisas outorgaban ao Partido Comunista resultados que lle terían permitido acceder ao poder.

Funcionarios de Intelixencia de Washington fixeron fincapé en que o republicano Donald Trump é o favorito de Putin. O mandatario ruso contestou ironizando con que o presidente demócrata Joe Biden era o “favorito” do país, mais coa súa retirada agora apoian Kamala Harris. “A elección depende do pobo estadounidense e a respectaremos”, resolveu.

Turquía nos Brics

Ao tempo, a canle France24 asegurou que a decisión de Turquía de pedir formalmente o seu ingreso no grupo Brics “xera preocupacións” na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), a alianza militar controlada polos Estados Unidos á que pertence Ancara. Nese sentido, o ex embaixador francés Michel Duclos explicou que as normas da OTAN non impiden legalmente esta opción.

Comentarios