As empresas implicadas na construción e o Goberno británico, responsábeis de 72 mortes no lume na Torre Grenfell

"Cobiza", "deshonestidade" e "incompetencia".
A Torre Grenfell durante o incendio que se produciu en 2017. (Foto: Ray Tang / Europa Press / Contacto)
photo_camera A Torre Grenfell durante o incendio que se produciu en 2017. (Foto: Ray Tang / Europa Press / Contacto)

A “deshonestidade sistemática” das empresas implicadas e “décadas de fracaso” do Goberno británico a hora de frear a propagación dun revestimento moi combustíbel estiveron detrás do incendio na Torre Grenfell de Londres, a capital do Reino Unido, en 2017, resolveu a comisión oficial de investigación no informe publicado a cuarta feira.

72 persoas, entre elas 18 crianzas, a meirande parte de comunidades vulnerábeis e minorías étnicas, morreron no lume. Falecementos que “puideron terse evitado”, sinala o documento.

Ademais do Executivo, tamén foron responsábeis a axencia local a cargo da xestión da vivenda, o condado de Kensington e Chelsea, os fabricantes e subministradores do material de revestimento do edificio, as persoas que certificaron o seu uso, o arquitecto, o principal contratista e parte dos subcontratistas.

Malia que non todos teñen o mesmo nivel de responsabilidade “todos contribuíron”, “na maioría dos casos pola súa incompetencia” mais noutros “por falta de honestidade e por cobiza”, convertendo o edificio nunha "trampa mortal" para as e os seus residentes.

Comentarios