Dimite o ministro de Exteriores de Ucraína, Dmitro Kuleba

É o cuarto ministro en presentar a súa dimisión após a renuncia dos responsábeis de Industrias Estratéxicas, Xustiza e Medio Ambiente.
Dmitro Kuleba presentou a súa dimisión a Zelenski como ministro de Exteriores de Ucraína. (Foto).
photo_camera Dmitro Kuleba presentou a súa dimisión a Zelenski como ministro de Exteriores de Ucraína. (Foto).

O ministro de Exteriores de Ucraína, Dmitro Kuleba, presentou esta cuarta feira a súa dimisión, tal e como sinalou o presidente do Parlamento do país, Ruslan Stefanchuk, apenas un día despois de que o portavoz do partido do presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, anunciase que estaba prevista unha remodelación do Executivo.

"A Rada Suprema de Ucraína recibiu un comunicado do ministro de Exteriores, Dmitro Kuleba, sobre a súa dimisión", dixo Ruslan Stefanchuk nunha mensaxe na súa conta na rede social Facebook. "A petición será considerada nun das próximas sesións plenarias", manifestou, sen que Kuleba se pronunciase até o de agora.

O portavoz do bloque parlamentario do partido de Volodomir Zelenski Sluga Narodu (Servidor do Pobo), David Arajamia, recalcou esta terza feira que estaba previsto para esta semana "un importante cambio" no seo do Executivo e adiantou que "máis de 50% do persoal do Consello de Ministros sufrirá cambios".

Máis renuncias

O propio Stefanchuk especificou pouco despois que as carteiras afectadas serían as de Xustiza, Industrias Estratéxicas e Media Ambiente –cuxos titulares presentaron tamén a súa renuncia en senllas cartas dirixidas ao Parlamento–, ademais da de Exteriores, co viceministro Andri Sibiga como favorito para substituír Kuleba no cargo, tal e como informou a axencia ucraína de noticias Unian.

O obxectivo, destacaron fontes do Goberno ucraíno é reducir o número de Ministerios para recortar gastos e axilizar o labor do Executivo no marco da crise financeira que atravesa o país.

A nova remodelación terá lugar nun dos peores momentos do conflito no que vai de ano, coas forzas rusas retomando a súa ofensiva sobre as instalacións enerxéticas, ás portas do inverno, e tras un dos máis mortíferos ataques dos últimos meses, o desta terza feira en Poltava, no nordés de Ucraína, que deixou polo menos medio centenar de mortos.

Comentarios