Turquía solicitou formalmente o seu ingreso no grupo Brics pola falta de avances na adhesión á UE

Primeiro membro da OTAN que dá o paso.
O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Presidencia de Turquía)
photo_camera O presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan. (Foto: Presidencia de Turquía)

Turquía rexistrou unha petición formal para ingresar no grupo Brics, confirmou a segunda feira a axencia Bloomberg, que detalla que a solicitude foi remitida hai meses pola falta de avances no proceso de adhesión turco á Unión Europea (UE). Ancara foi designado candidato a entrar no bloque comunitario en 1999.

Nese sentido, sinala que o presidente Recep Tayyip Erdogan considera que “o centro de gravidade xeopolítico estase a desprazar lonxe das economías desenvoltas”, polo que o ingreso permitiríalle reforzar a súa influencia internacional. 10 Estados forman parte do grupo, que desenvolverá a súa cimeira anual en Rusia o próximo mes de outubro.

“Si, efectivamente Turquía amosa interese en ingresar nos Brics”, afirmou o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov. Aínda que unha trintena de Estados xa trasladaran o seu interese, a entrada de Turquía marcaría un punto de inflexión ao tratarse dun Estado membro da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). De feito, un dos factores que levaron á decisión é o choque de Ancara coa maioría dos Estados da OTAN pola súa relación con Rusia.

Comentarios