A artista Furia Sotelo iniciou a súa ‘Residencia Paraíso’ no Pazo da Cultura de Narón

Trátase dun solo de danza no que Nuria Sotelo, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder.

Nuria Sotelo.
photo_camera Nuria Sotelo.

A compañía Furia Sotelo principiou esta segunda feira, 2 de setembro,a súa andaina na oitava edición das Residencias Paraíso 2024 en Narón. O Pazo da Cultura naronés acolle desde onte e até a sexta feira 13 de setembro a residencia do artista en torno á proposta a creadora galega que ten por título Sobre o extravío ou a arte de perderse.

O proxecto de Sotelo é un solo de danza que, baixo a dirección de Ana Vallés, investiga sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero que xa está, sobre o esquecemento necesario e sobre a arte de perder. Unha vez finalizada a residencia, a artista ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no mesmo Pazo da Cultura de Narón, a sexta feira 13 de setembro, ás 20 horas, con acceso libre.

Paralelamente, Furia Sotelo participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2024’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na illa de San Simón, na ría de Vigo. No proceso de creación de Sobre o extravío ou a arte de perderse, Nuria Sotelo e Ana Vallés contarán co deseño de iluminación de Laura Iturralde e a composición sonora de Camille Hedouin.

Nuria Sotelo é bailarina, coreógrafa, fundadora e directora artística da compañía de danza-teatro Furia Sotelo, directora do Espazo de danza do Campus de Ourense UV e impulsora e coordinadora do espazo de creación artística e acción social no rural A Casa Vella. No seu afán por colaborar co desenvolvemento artístico do territorio, centrou o seu traballo na Galiza, traballando como intérprete en diferentes compañías de danza e de teatro, e realiza encargos e colaboracións puntuais como coreógrafa para diferentes artistas, compañías e eventos.

Ana Vallés é cofundadora da compañía Matarile Teatro (1986), na que dirixiu máis de 30 montaxes. O último, FRÁXIL Handle With care, terceira parte da Triloxía da fraxilidade, foi estreado en 2023 en coprodución co Teatro Español de Madrid e o CentroDramático Galego. O seu traballo visual foi exposto tanto individualmente como en exposicións colectivas en Uruguai, Italia, Perú, España e Bulgaria.

Comentarios